Autores

Antonio Rodríguez López

1961, Monforte de Lemos

Poeta, narrador, autor dramático, xornalista

Antón Lopo é seguramente o máis representativo dos escritores da literatura queer en galego. A cuestión da identidade persoal, onde intervén como variable fundamental a orientación sexual, é clave nos seus libros máis importantes, o poemario Fálame e a novela Ganga.

O xornalista Antonio Rodríguez López é máis coñecido polo seu alcume habitual de Antón Lopo, inspirado no poeta medieval galego Lopo Liáns, que emprega tanto no seu ámbito profesional como no creativo, malia non ser o seu único pseudónimo. Nacido en Monforte de Lemos en 1961, traballou como ferroviario na súa cidade natal e despois comezou o seu labor profesional de xornalista na capital galega, nos diversos medios do grupo El Correo Gallego. Coordinador da sección cultural AFA, do suplemento Revista das Letras, na actualidade traballa no xornal en galego Galicia Hoxe, pertencente ao mesmo grupo editorial.

A súa faceta creativa dirixiuse ao longo dos anos a diversos eidos, entre os que destacan a escrita e a execución de performances, onde a parte teatral e dialogada tiña unha importancia radical. Neste campo fundou con Ana Romaní o Laboratorio de Indagacións Poéticas. Entre a ampla nómina destas intervencións pódese destacar Ó outro extremo do paraíso (1997); Prestidixitador (2001); O lugar (2002) onde mediu Compostela a partir do seu corpo; o ciclo de videopoesía One. In... Out... (2002) para o CGAC; Exercicio nº1 (2003), unha creación de videodanza con Branca Novoneyra; A palabra e a cidade: intervención no espazo (2004) ou Lob@s, quizais a máis difundida, con música do artista Chiu Longina e cointerpretado pola tamén poeta Ana Romaní, que se estreou en Santiago en 2000, e que coñeceu representacións tanto fóra como dentro de Galicia. Canda Alfonso Pato, Iris Cochón e Manolo Martínez construíu en 2003 o espazo de poesía e acción Batiscafo. No ámbito da plástica, realizou exposicións como A voz do vento (1995) e Accións (2002).

Na súa obra poética é onde se ve con máis claridade a súa reflexión sobre a identidade individual e onde se reflicte con máis nidieza a influencia do pensamento queer. Ademais, Lopo é un dos primeiros poetas da Galicia contemporánea en escribir composicións onde a homosexualidade non está unicamente velada. Xa dende o seu primeiro Sucios e desexados de 1988, podemos atopar esta liña, que se vai facendo máis e máis complexa a través de Manual de masoquistas, de 1990, Á sombra dos rapaces mexando, de 1995, OM, de 1996, Pronomes, de 1999 ou Fálame, de 2003, merecedor do premio Esquío dese ano. Executor de verso libre e de composicións que non respectan as formas clásicas, concibe unha poesía desenfadada e amena, centrada no cotián, onde inclúe abundantes elementos narrativos, e onde xoga coa ironía e a provocación. Recentemente publicou o Libro dos amados (2005), que recolle tanto algúns poemas xa publicados coma outros textos tirados das intervencións teatrais.

A súa traxectoria novelística é máis reducida, con algúns relatos publicados en colectáneas e con tres únicas incursións na narrativa longa: os títulos As reliquias, de 1991, que recibiu o premio Café De catro a catro; O riso de Isobel Hill, de 2000, e a súa peza máis importante, Ganga, de 2001, que resultou finalista do premio Xerais, e que conta unha viaxe á procura da identidade á India e onde as drogas e o sexo teñen unha importancia capital. Ademais, recibiu en 2004 o premio Álvaro Cunqueiro de teatro por Os homes só contan ata tres, que foi estreada e publicada en 2006. Non foi esta a súa única incursión no xénero, pois xa tiña publicadas as breves A ruína de Palmira e Rata-tatatán, dentro da revista Casahamlet.

Ademais, ten realizado traducións ao galego de Óscar Wilde (A balada do cárcere de Reading, canda Amalia Salvador), Vikram Seth e Hafez Shirani. Tamén ten peteirado no campo da investigación e da crítica literaria, creando os textos da fotobiografía de Fermín Bouza Brey (1992), traballo que retomará na serie documental para TVG, O faro que perdeu a gracia da luz, centrado nesta autor; ou co ensaio Mishima, que existiu nunca (1995). Tamén escribiu unha Guía de Santiago de Compostela en 2003, e a biografía As tres mortes de Lorenzo Varela.


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |