Autores

Anxo Angueira


Libros relacionados:

Anxo Angueira Viturro

1961, San Xián de Laíño (Dodro)

Poeta, narrador, ensaísta

Anxo Angueira é un poeta e narrador de obra escasa e escollida, que destaca pola súa escrita rítmica e lexicamente moi elaborada, na liña marcada polo seu mentor Xosé Luís Méndez Ferrín. Gañador do premio Xerais pola súa primeira novela, Pensa nao, conseguiu grazas á súa potente declamación facer moi coñecido un poema del, O valo de Manselle, referente da poesía galega dos noventa

Anxo Angueira Viturro naceu en Manselle, unha pequena aldea de San Xián de Laíño, Dodro, en 1961. Sempre vinculado a súa vila natal, viviu dous anos da súa infancia en Asados ata que se trasladou a Padrón onde realizou os estudos de Bacharelato. Foi no instituto onde tivo o primeiro contacto coa lingua e literatura galega da man do seu mestre de lingua española, Bernardino Graña. Foi este quen lle inculcou o amor pola lingua do país e quen lle deu as primeiras leccións de literatura. Gañou algúns premios en concursos literarios, de poesía e narrativa, organizados no propio instituto. Despois destes primeiros anos de formación e concienciación, ingresou na universidade de Santiago de Compostela, onde realizou estudos de Filoloxía Hispánica coa especialidade en Lingua Galega. Na época universitaria seguiu residindo en Padrón. Actualmente traballa como profesor de lingua e literatura galegas no IES vigués do Meixoeiro e na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Vinculado ao independentismo do núcleo ferriniano, participou na creación das Redes Escarlata, das que axudou na elaboración do manifesto fundacional, e colaborou no Xornal, a publicación do sindicato CUT, afín á FPG. Ademais, é asiduo colaborador da revista A trabe de ouro así como doutros xornais coma Galicia Hoxe, do seu predecesor O Correo Galego e do xa desaparecido Diario 16 de Galicia. Ademais, é un dos promotores do Banquete de Cacabelos, xuntanza que, polo día das Letras se celebra nesta localidade berciá e que ten como obxectivo reunir diversas persoas interesadas nas zonas de fala galega de fóra da comunidade. Tamén foi coordinador do premio de poesía Eusebio Lourenzo Baleirón, que organiza o seu concello natal.

A súa traxectoria poética comezou con Val de Ramirás, en 1989 que gañou un accésit do VIII Premio Esquío, e en 1992 foi gañador do premio do certame poético Ruta do Mar de Arousa e río Ulla con O mar e o río do regreso, que nunca se chegou a publicar como obra independente. Pero non é ata 1996 cando se fai realmente coñecido no seu dobre papel de autor de poesía e de executor de performances, cando publica e recita en diversos lugares de Galicia O valo de Manselle, libro que ademais recibiu un accésit do premio de poesía Camiño de Santiago. O poema, de longa extensión e de marcado ton épico, relata a construción dun muro de contención por parte dos veciños do lugar de Manselle, co obxectivo de converter uns terreos comunais que a parcelaria rexeitara nun campo de xogos, e onde teñen unha destacadísima presenza as formas do galego popular da comarca de Padrón. Posteriormente publicou Libro da vertixe, en 1996, que recibiu o premio Díaz Castro de poesía, e Fóra do sagrado en 2007, onde troca o rural polo urbano e realiza un apaixonado canto da cidade de Vigo.

En 1997 estréase na narrativa con Bágoas de facer illas, un libro de relatos que obtén o premio Café Dublín, e en 1999 a súa primeira novela Pensa nao, gaña o premio Xerais, o máis importante da narrativa longa galega. Pensa nao sitúase na liña da recuperación da memoria, onde se mesturan a modernización e dinamismo do mundo labrego dos tempos da República coa paisaxe de Sernanselle, un trasunto poético do Manselle onde naceu Angueira e que xa centrara parte da súa obra poética. Despois de catro anos (2003) deu ao prelo A morte de A., unha peza narrativa totalmente distinta, breve, ambientada na Compostela da transición política, e cunha forma de novela por entregas.

Tamén ten publicados diferentes ensaios e artigos de investigación literaria, entre os que destacan unha guía de lectura de Con pólvora e magnolias, a obra poética máis importante de Xosé Luís Méndez Ferrín, e doutra obra do mesmo autor, Poesía enteira de Heriberto Bens, poeta ao que o une unha mesma sensibilidade.

Outras obras:

De Rosalía a Dieste. 33 anos das letras, 1999 (ensaio)

Introducción e antoloxía de 'La poésie galicienne de 1936 à 1990, 1999 (antoloxía publicada pola Universidade de Namur, en Bélxica)

Terra de Iria, 2003 (libro de viaxes)


Imprimir



Libros de Anxo Angueira

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |