Autores

María Victoria Moreno Márquez

1941, Valencia de Alcántara (Cáceres) 2005

Poeta, narradora, tradutora

María Victoria Moreno foi a escritora alófona máis importante do século XX en Galicia, e consagrou a práctica totalidade da súa carreira á literatura infantil e xuvenil, dunha forma ou doutra. Porén, a súa obra máis lograda son as reflexións de Diario da luz e a sombra, escritos pouco antes de falecer.

María Victoria Moreno Márquez, nada na vila de Valencia de Alcántara Cáceres en 1941, tardou máis de 20 anos en ter o seu primeiro contacto con Galicia. Despois de facer o bacharelato en Cáceres, marcha estudar Filoloxía Románica á Complutense de Madrid, onde se licencia. Alí ten como profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso, entre outros. No ano 1963 comeza a traballar como profesora de lingua e literatura española de ensino medio, e o seu primeiro destino é Pontevedra. O seu primeiro contacto con Galicia márcaa para sempre, e fará de Pontevedra a súa cidade para vivir, e a ela regresa despois de dous breves destinos profesionais en Lugo e Vilalonga (Sanxenxo). Tamén adoptará o galego como a súa lingua común e de creación, e pouco a pouco se irá integrando na cultura e sociedade pontevedresa.

O primeiro achegamento á literatura infantil e xuvenil en galego foi a escrita, en 1972, do conto Crarisca e Luceiro, que obtivo o segundo premio do Facho, e que se publicou de forma conxunta no volume Mar adiante, dun ano despois. Aí inicia unha serie de recompilacións de contos, que continúa con O cataventos, de 1979, ata que comeza nos oitenta a producir as súas mellores obras narrativas, xa dotadas de unidade, e onde o punto de vista do neno ou do adolescente son as características fundamentais. Así nace Leonardo e os fontaneiros, de 1986, que fala da relación entre un neno e un can da rúa. Esta obra consegue o terceiro premio no certame estatal do Barco de Vapor. En 1989 escribe a súa novela máis coñecida, Anagnórise, que tivo un grandísimo éxito e que coñeceu sucesivas reedicións. A xeito de road-movie, nesta obra cóntase da relación entre unha muller e un mozo autoestopista, nunha das historias máis apaixonantes da literatura infantil e xuvenil galega, e supuxo tamén un dos primeiros intentos conseguidos de narrativa específica para adolescentes. Foi incluída na Lista de Honra do IBBY 1990 e traducida a varias linguas.

E aínda que tamén produciu diversos textos para primeiros lectores, non abandonará o transo de idade da adolescencia, e en Guedellas de seda e liño (1999), aborda a difícil convivencia entre as comunidades paia e xitana. Este volume recibiu unha mención do White Raven, o galardón máis importante de literatura infantil e xuvenil a nivel mundial. Sen separarse do eido da literatura infantil foi débese mencionar que durante un tempo foi directora da colección Árbore da Editorial Galaxia. Porén a súa obra máis acabada foi a súa única peza literaria para adultos, Diario da luz e a sombra (2004), onde relata a súa relación persoal co cancro de mama, e onde narra os efectos da enfermidade que, no cabo, habería de levarlle a vida.

Na súa produción combinou a creación literaria con volumes didácticos dirixidos precisamente ao ensino medio. Desoutra liña de traballos destacan un dos primeiros libros de textos sobre literatura galega do século XX, realizado en colaboración con Xesús Rábade Paredes e publicado en 1985, e os cadernos didácticos As linguas de España e Verso e prosa, os dous de 1991. No eido da tradución, encargouse de verquer ao castelán El perro Rin y el lobo Crispín, de Carlos Casares, en 1986, e ao galego Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo (1989), Os ollos do dragón de Maria Ángels Gordella (1989), e As mazás da prosperidade de Hans Cristian Andersen.

Outras obras:

Los novísimos de la poesía gallega, 1973 (antoloxía de poesía galega compilada e comentada por ela)

A festa no faiado, 1983

Sopiñas con canela, 1986

Nico e Miños, 1989 (contos)

Pan con chocolate, 1993.

Un cachiño de bica?, 1994.

E haberá tirón de orellas?, 1997.

Xa non teño medo!, 1998.

A brétema, 1999.

O grumete, 2004.

Eu conto, ti cantas, 2005

Elexías de luz, 2006 (poesía, edición póstuma que recolle os seus escritos dos últimos anos).


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |