Autores

Ramón Otero Pedrayo

1888, Ourense - 1976, Ourense

Narrador, ensaísta e dramaturgo

Posuidor dunha ampla bagaxe cultural que reflectiu tanto na prosa coma no teatro e orador de extraordinarias calidades, Otero Pedrayo gozou en vida dun sentimento unánime de respecto cara á súa persoa que pouco tivo que envexar á admiración que de por si espertaron as súas actividades literarias e oratorias.
En Ourense, na mesma casa que 88 anos despois sería tamén a mortuoria, e no seo dunha familia culta de ideoloxía liberal, nace en 1888 Ramón Otero Pedrayo. A cidade das Burgas, na que cursou os estudos de bacharelato e onde viviu ata o seu traslado a Santiago de Compostela en 1905, e malia casa patrucial de Trasalba (Amoeiro), obxecto de longas estancias na infancia e convertida hoxe na Casa-Museo que leva o seu nome, converteríanse despois en escenarios predilectos da maior parte das súas ficcións literarias.

A etapa compostelá durou o que tardou en rematar o curso preparatorio que lle permitiu examinase como alumno libre para as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras, uns estudos que, finalmente, decidiu cursar en Madrid. Alí, acudira en boa medida coa inquedanza de avanzar nunha formación intelectual que agromara xa na súa casa ourensá da Rúa da Paz, centro de tertulias dalgúns dos intelectuais máis destacados de finais do século XIX.

De volta en Ourense, e xunto con Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Otero Pedrayo converteuse nunha das figuras máis dinámicas do ambiente cultural do Ateneo. Con eles deu tamén os seus primeiros pasos na literatura, ao formar parte da redacción de La Centuria entre 1917 e 1918, e, na mesma compaña e a instancias de Antón Losada Diéguez, toma consciencia da problemática do país vinculándose tamén ao galeguismo.

A partir de 1919, e logo de gañar as oposicións a cátedras de Xeografía e Historia en institutos de ensino medio, Pedrayo dedicouse plenamente ao cultivo das nosas letras nos eidos máis diversos, colaborando en diferentes xornais e revistas e desenvolvendo unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do Seminario de Estudos Galegos. A súa primeira obra narrativa foi a novela curta Pantelas, home libre (1925), á que seguiron, en seguida, O purgatorio de don Ramiro (1926), Escrito na néboa (1927) e a extensa Os camiños da vida (1928), na que descargou toda a súa xenreira contra a fidalguía que deixou pasar a oportunidade de constituírse nunha clase dirixente da Galiza rural. O prestixio que acadou con estes títulos, en moi pouco tempo, levouno á Real Academia Galega en 1929. Nos anos seguintes, viron a luz Arredor de si (1930), unha novela que constitúe toda unha viaxe intelectual do seu personaxe á procura de el mesmo; Contos do camiño e da rúa (1932), o seu primeiro volume de relatos; e as novelas A romeiría de Xelmírez (1934), Fra Vernero (1934), Devalar (1935) e O mesón dos ermos (1936).


Malia que xa tivera algunha actividade nas filas do nacionalismo durante a campaña para as eleccións xerais de 1918, non é ata 1931 cando, coa proclamación da República, comeza a participar de xeito máis constante na política. Así, colabora na fundación do Partido Galeguista e, en 1931, sae elixido deputado nas Cortes Constituíntes. No seo desta formación, Otero situouse ideoloxicamente no bando conservador, inclinación que non o salvou, ao comezar a Guerra Civil, de ser expedientado e cesado como catedrático de instituto. Retirouse daquela á casa de Trasalba, desde onde colaborou puntualmente coa prensa americana e en publicacións madrileñas e catalás. A mediados dos anos corenta a súa sinatura comezou a aparecer xa con maior asiduidade en diferentes xornais galegos o que, en certa medida, lle axudaría a recuperar o seu posto de traballo en 1949, gañando un ano máis tarde a cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Participou tamén na fundación da Editorial Galaxia, para a que entregará a colección de relatos Entre a vendima e a castiñeira e numerosos traballos publicados na revista Grial.

Despois da guerra, e logo de publicar tamén algúns títulos en castelán, Pedrayo seguiu escribindo de xeito incansable e así, foi mandando ao prelo, sucesivamente, as obras O libro dos amigos (1953), Entre a vendima e a castañeira (1957), O señorito da Reboraina (1960) e O espello na serán (1966). Postumamente, en 1988, Galaxia sacaría á luz o libro de relatos Contos de Santos e Nadal.

Otero Pedrayo viviu en Compostela, repartindo o tempo entre as súas clases e as tertulias cos galeguistas que comezaban a reorganizarse a través da acción cultural, ata que, en 1958, xubilado da súa cátedra, iniciou unha etapa de peregrinación continua entre Trasalba e Ourense. O seu pasamento, acaecido en 1976, produciuse pouco despois do de Josefina Bustamante Muñoz, a muller coa que casara en Cantabria en 1923.

Á súa morte, Pedrayo era unanimemente considerado como o patriarca das letras galegas, o principal consolidador da nosa prosa e iniciador dun novo teatro en galego que chegou a revolucionar con creacións como A lagarada, Teatro de máscaras ou O desengano do prioiro. Á par, cultivara tamén o ensaio, fundamentalmente de carácter histórico, xeográfico e literario, e revelárase como un orador de apreciada espontaneidade e extraordinarias calidades.


Imprimir



Libros de Ramón Otero Pedrayo

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |