Poeta, narrador, autor de teatro
Manuel María foi un dos poetas máis prolíficos da literatura galega do século XX. As súas composicións, que van desde a reflexión máis intimista á poesía de circunstancias, foron recollidas en non menos dunha vintena de volumes, pero tamén traballou o teatro e a produción para nenos e nenas.
Manuel María Fernández Teixeiro, chamado unicamente Manuel María na cuberta dos seus libros, naceu en Outeiro de Rei en 1929 e faleceu na Coruña no ano 2004. Con trece anos marchou a Lugo para estudar o bacharelato e alí comezou a entrar en contacto coa tertulia do café Méndez Núñez (Pimentel, Fole, Rof Codina...) que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio.
En 1958 instálase en Monforte como procurador dos Tribunais. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa en organizacións políticas clandestinas, e empeza a atender voluntariosamente todo tipo de necesidades de tipo cultural: escribindo poesía programática, dando conferencias, colaborando con músicos e explorando todos os xéneros literarios, tanto para público adulto como infantil. Naqueles tempos (1969) fundou a editorial Xistral a canda Ánxel Xohán, e abriu unha libraría do mesmo nome na capital da Terra de Lemos. Coa transición entrou en política, sendo elixido concelleiro de Monforte en 1979 pola nacionalista AN-PG. En 1985 abandonou a política e Monforte, e retirouse na Coruña dedicado a labores culturais e de promoción literaria e lingüística, sen deixar a súa inesgotable actividade de conferenciante, poeta, recitador ou xornalista, como A Nosa Terra, Faro de Vigo, El Progreso, Nordés, Alba, Grial, Vieiros, Aturuxo ou Atlántida.
A súa traxectoria poética iníciase en 1950, cando publica o primeiro libro de poesía en galego que non pertence a autores que coñeceran a República, Muiñeiro de brétemas. Este é ademais o volume co que a crítica considerou que comezaba a Escola da Tebra, unha liña poética existencialista que puxo o acento na soidade e na opresión humana e espiritual da ditadura franquista. Esta liña continuouna en 1952, no poemario Morrendo a cada intre, pero mudouna dous anos despois, en 1954, co libro Terra Chá. Este, a través de sucesivas reedicións e ampliacións, constitúe unha homenaxe á súa terra natal. Nesta obra o protagonismo é dunha paisaxe saudosa, e aparecen claras algunhas das constantes da súa produción: rimas simples e populares (coplas, pareados, cuartetas...) e unha proximidade ao popular, con léxico a pé de corredoira e con situacións e feitos da cotidianeidade.
Co paso dos anos e dos títulos foi evolucionando cara a unha poesía máis socialrealista, cunha nidia presencia das reivindicacións esquerdistas e nacionalistas, como en Cantos rodados pra alleados e colonizados, de 1976, ou As rúas do vento ceibe, de 1979. De feito, moitos dos seus poemas foron musicados e convertidos en mensaxes populares por María Manuela, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Chorimas. Manuel María foi tamén un dos impulsores do teatro na transición, con obras que foron verdadeiros éxitos de público e representacións como Barriga verde, de 1970, Unha vez foi o trebón, de 1976, ou Farsa de Buluú, de 1979, onde apostou por unha dramaturxia popular e sen grandes complicacións narrativas ou escénicas.
Outras obras:
Advento, 1954
Auto do taberneiro, 1957 (teatro)
Documentos personaes, 1958
Libro de pregos, 1962
Auto do mariñeiro, 1961 (teatro)
Contos en cuarto crecente e outras prosas, 1962 (relatos)
Os soños na gaiola, 1968
Versos pra un país de minifundios, 1969
Versos pra cantar en feiras e romaxes, 1969
Remol, 1970
Barriga verde, 1970 (teatro)
A Rosalía, 1971
O xornaleiro e sete testemuñas máis, 1971 (narrativa)
Odas nun tempo de paz e de ledicia, 1972
Informe pra axudar a alcender unha cerilla, 1973
Laio e clamor pola Bretaña, 1973
Poemas para construír unha patria, 1976
O libro das badaladas, 1977
Catavento de neutrós domesticados, 1978
Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, 1979 (teatro)
Versos do lume e do vagalume, 1982
O camiño é unha nostalxia, 1985
Cantigueiro do Orcellón, 1984
Ritual para unha tribu capital do concello, 1986
Compendio de orballos e incertezas, 1991
Hinos pra celebrar ao século futuro, 1991
Panxoliñas, 1992
A primavera de Venus, 1993
Poemas para dicirlle a dúas lagoas, 1994
Brétemas de muiñeiro, 2000
Camiños de luz e sombra, 2000
O bigote de Mimí, 2003 (narrativa infantil)