Autores

Roberto Vidal Bolaño

1950, Santiago de Compostela - 2002, Santiago de Compostela

Autor dramático

Roberto Vidal Bolaño destacou como polifacético personaxe da escena galega. Foi dramaturgo, actor, director e escenógrafo. A súa figura é crucial para comprender a xestación e desenvolvemento do teatro independente galego. Galardoado unha e outra vez ao longo de vinte e cinco anos de obra dramática, tamén traballou como actor, produtor e guionista para cine e televisión.

Figura crucial na construción dun teatro nacional galego, Roberto Vidal Bolaño iníciase no mundo teatral da man fundando o grupo Antroido en 1974. Neste grupo, que representará durante anos moitas das súas pezas, intervén nas súas primeiras obras como actor, acudindo ás Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980). Nestas mostras darase a coñecer como dramaturgo e escenógrafo baixo o pseudónimo de Julia Brens.

Foi un dos maiores artífices da profesionalización do teatro galego: despedido en 1977 do banco no que traballaba, Vidal Bolaño enfrontouse á ambiciosa tarefa de converter o Grupo Antroido na primeira compañía teatral galega. Desde a década dos setenta púxose a traballar para renovar tanto a escrita como a representación, primeiro da man do Grupo Abrente e logo doutras numerosas formacións. Tamén foi un dos pioneiros do teatro institucional, guiando o Centro Dramático Galego.

A obra de Vidal Bolaño está marcada pola estética da derrota e a crítica da modernidade. Tal vez influído por Otero Pedrayo, a recuperación do popular é un elemento central. Caracterizadas polo seu forte simbolismo, as súas obras mesturan elementos da tradición popular galega con outros tirados da realidade socio-cultural do momento. Como Otero, cultivou o teatro histórico en Agasallo de sombras (representada polo CDG en 1984 e publicada en 1992). Foi esta unha obra polémica cunha visión desmitificadora da relación entre Rosalía de Castro e Aurelio Aguirre e mais da dimensión humana dunha Rosalía suxeita á vontade e ás conviccións políticas e culturais de Manuel Murguía. A Rosalía oteriana tamén a representou Vidal co CDG en 2001.

A súa produción dramática é unha das máis importantes do teatro galego contemporáneo, merecedora do constante recoñecemento de xurados e crítica. Laudamuco Señor de ningures (premio Abrente 1976, publicada en 1977) é un texto denso e complexo, próximo ao absurdo de Jarry e a Ionesco. Ladaíñas pola morte do meco (publicada en 1977) pódese ler como a versión galega de Fuenteovejuna. Obtivo dúas mencións honoríficas no Concurso de Teatro Infantil O Facho por En Xaxara, paniogas, tarelo, o rapaz e o cachamón ou trocar en rato pequeno o meirande xigantón (1977) e por Ruada das papas e do unto (1979). Memorias de mortos e de ausentes obtivo unha mención honorífica no Premio Abrente de 1978.

Bailadela da morte ditosa foi Premio Abrente 1980, aínda que non se publicará até 1992. A preocupación de Vidal Bolaño pola preservación da cultura popular galega toma aquí a forma da dicotomía campo-cidade. A peza divídese en sete fragmentos que amosan outras tantas formas de morrer dignamente. Posteriormente, a adaptación que fixo de algúns textos de Méndez Ferrín en Percival fíxoo merecedor da medalla de ouro Ciudad de Valladolid ao mellor texto dun autor español vivo na temporada 83-84.

A obra de Vidal Bolaño viaxa desde o antifranquismo inicial até o realismo feísta de Cochos (estreada en 1988) e Saxo tenor (Premio Álvaro Cunqueiro 1991). A primeira é unha revisión do conflito entre tradición e modernidade baixo unha óptica menos maniquea que a de obras anteriores; a segunda reúne arredor do jazz e da droga a personaxes da máis diversa procedencia social e mestura os máis sublimes sentimentos maternais coa sordidez do incesto. Trátase dun dos poucos títulos reeditados do teatro galego. O tema da persoa como ser potencialmente capaz do mellor e do peor mantense en Días sen gloria (Premio Rafael Dieste 1992 e finalista do Nacional de Literatura na sección de Teatro).

Durante os anos noventa continúa recollendo premios galegos, pero tamén portugueses e españois. Obtivo galardón en todas as edicións dos María Casares e mesmo logrou un Max de Teatro por Criaturas, mellor texto de teatro en lingua galega en 2001. Outra obra destacada da época recente é O día que os chífanos deixaron de zoar. Ademais da súa faceta teatral, Vidal Bolaño foi actor e xefe de produción cinematográfico, guionista para Televisión de Galicia e Televisión Española e director dunha produtora para televisión. As súas últimas actuacións serían para Teatro do Aquí, a que foi a súa compañía durante os seus últimos anos de vida.


Imprimir



Libros de Roberto Vidal Bolaño na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |