Autores

Valentín Lamas Carvajal

1849, Ourense - 1906, Ourense

Poeta, narrador e xornalista

Recoñecido polo seu labor xornalístico, poético e narrativo, Lamas Carvajal é un dos autores máis significativos do Rexurdimento da literatura galega. O seu traballo á fronte de O Tío Marcos da Portela levouno á lista dos xornalistas máis populares da historia mediática de Galiza, mentes que a publicación de O catecismo do labrego o sitúa aínda na dos máis vendidos.
Foi en Ourense, a cidade que o viu nacer en 1848, onde viviu e estudou Lamas Carvajal ata que, a comezos dos anos 70, decidiu trasladarse a Santiago de Compostela. Alí iniciou uns estudos de Medicina que segundo algúns investigadores chegou a rematar e que, en opinión de outros, abandonou probablemente por mor duns problemas de vista que xurdiran nos seus anos de instituto e que remataron por virar nunha cegueira irreversible sendo aínda moi novo.

Compostela converteuse así en escenario do seu primeiro achegamento á prensa, como director da revista La Aurora de Galicia, e foi tamén alí tamén onde publicou as súas primeiras obras, en español: Flores de ayer, La monja de San Payo e El Cancionero del Miño. Leyendas y tradiciones de Orense e Las dos perpetuas.

No ano 1847, de volta en Ourense, comezou a colaborar en El Heraldo Gallego, xornal que pasaría a dirixir moi pronto, ademais de rematar converténdose no seu propietario, e onde escribiu os seus primeiros textos en galego. As composicións publicadas nas súas páxinas, nas que se funden elementos cultos e folclóricos, recompilounas despois en Espiñas, follas e frores, unha colección de versos, divididos en dous grupos titulados Ramiño primeiro (1875) e Ramiño segundo (1876), que rompeu o silencio editorial que había, en lingua galega, desde Cantares gallegos de Rosalía de Castro, e que lle reportou un notable éxito. Entre a publicación destes dous traballos veu a luz Dez cartas aos gallegos (1875).

En 1876 prodúcese a aparición de O Tío Marcos da Portela, un dos acontecementos máis relevantes da historia das letras galegas, por ser a primeira publicación feita en Galiza integramente en galego, e, sen dúbida, o máis importante da traxectoria xornalística de Lamas Carvajal, ao que este semanario, do que o ourensán foi director, lle reportou unha notable popularidade. A defensa do labrego galego desde unha perspectiva anticaciquil explicou moi probablemente o éxito recollido por esta publicación, que se mantivo ata 1890. No eido xornalístico aínda colaboraría en El Eco de Orense, xornal que dirixiu ata o seu falecemento, na súa cidade natal, en 1906.

Como poeta Lamas Carvajal tamén deu ao prelo outros dous libros de poemas costumistas, Saudades gallegas (1880), que o consolidou como o mellor continuador da obra e Rosalía, e A musa das aldeas (1890). No que respecta á prosa publicou Gallegada. Tradicións, costumes, tipos e contos da terriña (1887) e O catecismo do labrego (1889), unha crítica anticaciquil centrada nas inxustizas económicas e sociais sufridas polos campesiños galegos. Este último libro, que alcanzou trece edicións en vida do autor, converteuse nunha das máis populares da nosa literatura durante moitos anos e nun dos libros escritos en galego de maior éxito editorial de todos os tempos.


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |