Autores

Antonio Noriega Varela

1869, Mondoñedo 1947

Poeta

A maiores da súa faceta inicial de escritor agrarista en diferentes revistas e de ter desenvolvido traballos de investigación léxica de Noriega Varela sobresae a súa obra poética, iniciada en Montañesas, o poemario ao que foi engadindo novas composicións ata conformar Do ermo.

Antón Noriega Varela nace en Mondoñedo en 1869 e, aos catorce anos, comeza a carreira eclesiástica no seminario da súa vila natal, onde comezou a escribir, en español, poemas de ton humorístico e satírico que enviaba á prensa local. A súa condición de fillo de solteira fixo que Roma lle negase o permiso para ordenarse sacerdote, motivo polo que decidiu facerse mestre, comezando a exercer como tal en Foz en 1901. Alí, en contacto co agrarismo e co movemento anticaciquil da man de Vilar Ponte, viviu ata que tivo que trasladarse a Calvos de Randín ao ser expedientado. Non tardaría moito en abandonar unhas reivindicacións agraristas que en realidade nunca asumiu con gran convencemento, dadas as crenzas conservadoras e tradicionalistas que puxo de manifesto e que o afastaron do galeguismo.

Trasalba foi, logo de tres anos en Calvos de Randín, a seguinte morada de Noriega Varela, un novo destino que lle supuxo a posibilidade de trazar novas amizades, a máis relevante delas a que o achegou a Otero Pedrayo, e, a través del, a Basilio Álvarez e a algúns escritores portugueses. Alí, e logo de publicar Montañesas (1904), o seu primeiro libro, foron xurdindo os poemas que, engadidos ás composicións costumistas deste primeiro título, conformarían Do ermo (1920), onde a meirande parte das composicións, escritas xa nunha liña máis depurada e cunha lingua máis culta, posúen certo lirismo da natureza. Con esta obra, que tivo sucesivas edicións ata 1946, o chamado “poeta da montaña” iniciou unha poesía, denominada franciscanista, humanista paisaxista ou neovirxilianista que tivo posteriores imitadores como Díaz Castro, Crecente Vega, Uxío Novoneyra ou Aquilino Iglesia Alvariño.

En 1926 o autor mindoniense obtivo destino definitivo como docente en Abadín. O tempo que pasou alí ata que, en 1930, solicitou por motivos de saúde o traslado que o levaría ao seu derradeiro destino como mestre, Viveiro, foron anos de recoñecemento (en 1927 foi elixido membro da Real Academia Galega) e de relación con Iglesia Alvariño. Froito do trato que tamén mantivo nesta etapa cos labregos da zona deu ao prelo Como falan os brañegos (1928), unha compilación das frases, ditos e adiviñas populares que aprendera deles e que tiña como precedente a colección A virxen y-a Paisanaxe, que elaborara en 1914.

Posicionado en contra da República no momento da sublevación militar de 1936, Noriega Varela incrementou a súa produción poética en español ata despois da guerra, cando empregou de novo o galego. No retiro e acompañado dun fondo pesimismo faleceu en 1947.


Imprimir



Libros de Antonio Noriega Varela

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |