
Narrador, poeta, ensaísta
É o autor do libro máis lido da historia da literatura galega é tamén un dos narradores que mellor se aproximaron a temas de noso como a dureza da vida no campo e o desarraigamento da emigracion. Exiliouse en Bos Aires e A Habana, onde desenvolveu un extraordinario labor a prol da cultura galega e da memoria histórica. Foi ensaísta e investigador da emigración galega, e tamén cultivou a narrativa infantil e mais a poesía de corte social.Xosé Neira Vilas, nome inevitabelmente asociado ás Memorias dun neno labrego, nace no seo dunha familia campesiña de Gres, aldea das terras do Deza. Alí transcorre a súa nenez e adolescencia, durante as que ten que compaxinar a escola co traballo no campo. Con catorce anos entra a traballar nas oficinas dun serradoiro, e entrementres estuda Comercio por correspondencia. Nestes anos de fraquezas económicas e de enormes dificultades para o acceso á cultura, o mozo Neira é quen vela pola súa propia formación e le canto lle cae nas mans. A súa vida na comarca do Ulla, na que permanece até os dezanove anos, será o contexto no que situará moitas das súas narracións. É por este motivo que moitos ollos quixeron ver naquelas unha fonda raizame autobiográfica, cuestión negada polo propio Neira en repetidas ocasións.
No 1949 emigra a Arxentina, onde encadea distintos oficios. Alí entra en contacto cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Suárez Picallo, Ramón de Valenzuela, etc. Comeza entón unha intensa actividade que o leva a fundar as Mocedades Galeguistas en 1953, a publicar asiduamente no xornal Adiante e a colaborar na organización do I Congreso da Emigración Galega (1956). En 1957 casa con Anisia Miranda, escritora cubana filla de galegos, de par de quen funda Follas Novas, editorial difusora do libro galego en América.
En 1961, o matrimonio estabelécese en Cuba. Alí, Neira traballa na administración e fai xornalismo literario, comprometéndose coa causa revolucionaria. En 1969 pon en marcha a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba, organismo que dirixirá durante vinte e dous anos e no que desenvolverá un valioso labor de estudo e compilación da obra dos emigrantes galegos residentes na illa.
É en Cuba onde escribe a meirande parte da súa obra literaria. Son novelas de protagonista infantil ambientadas en Galicia Memorias dun neno labrego (1961), Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977). As tres xiran arredor da formación do neno no contexto miserento do campo galego de posguerra, se ben están construídas de maneiras moi distintas. No momento da súa aparición, a sinxeleza temática e estilística das Memorias supuxo unha grande novidade nun panorama dominado polo experimentalismo da Nova Narrativa Galega. Hoxe é o libro máis lido e un dos máis traducidos da literatura galega.
Tamén situadas en Galicia, son obras de protagonista adulto Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980). Nas dúas primeiras, o problema do campo deriva en temas máis universais como a violencia e a alienación do home, abordados desde unha óptica existencial. En Querido Tomás, o autor enfrontouse ao reto de construír un monólogo e poñelo na boca dunha muller de cincuenta anos.
O asunto da emigración abrolla nas novelas Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968) e Remuíño de sombras (1973). As dúas últimas sitúanse en Bos Aires e afondan no tema dun desarraigo que medra por acción do ambiente urbano. En Tempo novo (1987) o foco é a Cuba posrevolucionaria, observada desde os ollos dos galegos residentes. En troques, De cando Suso foi carteiro (1988) recupera o protagonista infantil para evocar unha Galicia baleira pola marcha dos emigrantes.
Cultivou tamén a poesía social nos libros Dende lonxe (1960) e Inquedo latexar (1969). Traduciu ao galego a Molinari, Ho Chi Minh, José Martí e Alejo Carpentier, entre outros, e desenvolveu un destacado labor pola memoria histórica como investigador da emigración galega (recollida en obras como Galegos no Golfo de México, A prensa galega de Cuba ou Guerrilleiros). A súa literatura infantil mantén os temas centrais da súa narrativa. Algúns títulos son Espantallo amigo, O cabaliño de buxo, A marela Taravela e Contos vellos para rapaces novos.
Xosé Neira Vilas é Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña e membro numerario da Real Academia Galega. Recibiu o Premio da Crítica Española de 1978 por Aqueles anos do Moncho e o da Crítica Galega en 1981 por Galegos no Golfo de México. Fóronlle concedidas a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra e mais o Celanova Casa dos Poetas. Na actualidade reside con Anisia Miranda en Gres, desde onde preside a Fundación Xosé Neira Vilas.