Autores

Manuel Antonio Pérez Sánchez

1900 1930

Poeta

Manuel Antonio é, temporal e cualitativamente, o primeiro poeta vangardista galego. Autor dunha obra que se insire de cheo na estética do creacionismo e na que a preocupación pola lingua e o nacionalismo se converteron nunha constante, soubo recoller, cun rexistro literario culto, o movemento renovador dos ismos europeos e hispanoamericanos para adaptalos á realidade galega dos anos 20, rompendo así cunha poesía ancorada en formas e contidos tradicionais

A morte do pai foi o motivo de que Manuel Antonio Pérez Sánchez, nado en Rianxo en 1900, pasara de neno grandes tempadas en Padrón, vila na que tanto a súa nai coma os seus parentes dirixiron unha educación conservadora e de carácter relixioso contra a que pronto se revelaría ao rexeitar a carreira eclesiástica que a nai pensara para el.

Aos trece anos iniciou os estudos de bacharelato en Santiago de Compostela, cidade na que comezou a súa militancia activa no nacionalismo e no republicanismo ao tempo que tomaba contacto coa obra dos poetas vangardistas de fóra e na que espertou nel un certo espírito aventureiro, tal e como o demostra o seu intento fracasado de alistarse no exército francés durante a I Guerra Mundial. Foi a súa detención, en Irún (Guipúscoa) a que impediu isto e a que o levou a escribir, na prisión, algúns poemas hoxe desaparecidos. Nos anos de Compostela apareceron publicadas as súas primeiras composicións na revista local Suevia e colaborou co xornal La Rendición de Padrón, ao que enviou, entre outros textos, o poema “O sol d'a libertade”, única mostra poética que se lle coñece desta época.

Entre 1919 e 1923 Manuel Antonio realiza en Vigo os estudos de Náutica e alí, militando nas Mocedades Galeguistas, escribe, en 1920 e con Xavier Soto, “¡Terra ceibe! Os bos galegos”, un pequeno texto de repulsa contra o concello vigués por non usar a bandeira galega xunto coa española. Un ano despois ve a luz ¡Máis alá!, manifesto que redactou con Álvaro Cebreiro e que reflicte a súa vontade de ruptura e renovación a través da negación das formas establecidas, un texto que se converteu en algo máis que unha declaración de principios estéticos ao amosar tamén unha forte defensa da lingua e do ideario nacionalista. Foron estes, en definitiva, anos de intensa actividade literaria nos que colaborou en revistas como Alfar, da Coruña, ou Ronsel, de Lugo.

En 1923 o poeta rianxeiro volve a Compostela para comezar uns estudos de Filosofía e Letras que nunca chegou a rematar e así, en 1926, decide embarcarse como mariño mercante. A partir dese momento, e ata que enfermo de tuberculose falece en Asados (Rianxo) en 1930, foron o seu fogar os paquebotes Constantino Candeira, Gerria e Arosa, cos que percorreu boa parte da costa peninsular, da de América do sur e da de África occidental. A bordo deles transformou as experiencias das súas singraduras mariñas nos poemas que conforman De catro a catro (1928), único libro que publicou en vida e obra que introduce á literatura galega nos movementos de vangarda. Nese mesmo ano, deixou redactados tamén os seis poemas que agrupou baixo o título Viladomar.

Ademais doutros poemas soltos e dalgúns textos en prosa, cuxo paradoiro se descoñece, o poeta rianxeiro agrupou os poemas que non publicara en vida baixo os epígrafes “Con anacos do meu interior”, que contén as composicións de 1921 a 1922; “Foulas”, onde figuran as escritas entre 1922 e 1924; e “Sempre e mais dispois”, que agrupa as posteriores a 1928.

Ata mediados dos anos 70 Manuel Antonio era un poeta pouco coñecido e só se sabía da existencia dalgúns poemas soltos e mais da obra De catro a catro, da que non houbo reedición algunha entre 1928 e 1972. Neste último ano Domingo García-Sabell publicou por primeira vez a obra poética completa do rianxeiro, con todo o material que permanecía inédito, en I Poesía e, en 1979, mesmo ano no que chegou o recoñecemento oficial do poeta coa dedicación do día das letras, editou tamén III Correspondencia.


Imprimir



Libros de Manuel Antonio

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |