Autores

Manuel Lugrís Freire

1863 1940

Poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta e gramático

Afervoado orador e destacado activista político, Lugrís Freire serviu de ponte entre os dirixentes máis veteranos do rexionalismo e as xeracións máis novas do nacionalismo. En paralelo, compaxinou este labor cunha escrita na que destacou sobre todo polas súas pezas teatrais, anunciadoras do movemento dramatúrxico das Irmandades, e foi pioneiro na normalización do galego.

 

Manuel Lugrís, a quen Antón Villar Ponte cualificou como o "benxamín dos Precursores", naceu en Sada en 1863 e antes de marchar a Cuba, aos vinte anos, xa comezara a traballar como escribán en Oleiros e escribira Nociones generales de mitología. Instalado na Habana, onde estivo ata 1896, comezou a traballar de contable, unha actividade que se ben o ocupaba durante horas non lle impediu desenvolver unha intensa actividade cultural. Así, foi na emigración onde ademais de publicar o seu primeiro poema, Nostalxia (1883), a peza teatral A costureira d'Aldea (1884) e o seu primeiro libro de poemas, Soidades. Versos en gallego (1884), asinou numerosos textos en galego co alcume de Asieumedre, e colaborou en El Eco de Galicia, onde escribiu a novela por entregas O penedo do crime. Lenda das Mariñas e atendeu a sección Gallegos de Por Acó en A Galicia Moderna. Con todo, sería a fundación, en 1885 e xunto con Ramón Armada Teixeiro, de A Gaita Gallega (primeiro xornal da emigración publicado en galego e editado entre 1885 e 1889) a súa contribución máis importante á lingua e cultura galegas na diáspora. Tralo seu regreso a Galiza, e ao pouco de instarse na Coruña coa súa dona, Lugrís entra a formar parte da comisión que dirixía a Liga Gallega, constituída nese ano baixo a presidencia de Murguía e da que el tamén sería presidente, e vincúlase á intelectualidade coruñesa a través da Cova Céltica. No ano 1991 publica Noitebras, o seu segundo poemario, e en 1902 convértese nun dos fundadores da Escola Rexional de Declamación, da que tamén chegou a ser presidente. Na primeira representación pública desta escola, en 1903, estrea A Ponte e, pouco despois, cofunda a Asociación da Prensa da Coruña. En 1906 Lugrís vaise converter tamén nun dos membros fundadores da Real Academia Galega, entidade que posteriormente tamén presidiría. Unha das intervencións polas que foi máis recordado foi a que tivo lugar o 6 de outubro de 1907, cando nun mitin da agrupación sindical Solidaridad Gallega pronuncia o que pasa por ser o primeiro discurso político público en lingua galega. Foi tamén vicepresidente do Centro Solidario da Coruña e membro do consello de redacción do seu órgano, A Nosa Terra e, en maio de 1923, ingresou como socio correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre a figura de Pondal. A súa implicación na política foi intensa, tal e como o demostra a súa participación no consello executivo que redactou os estatutos do Partido Galeguista e na comisión encargada do anteproxecto e do proxecto definitivos do Estatuto. Despois da sublevación militar de 1936 veuse obrigado a abandonar toda actividade pública e finou na Coruña en 1940.

Lugrís Freire tratou case todos os xéneros literarios, iniciándose, como case todos os seus escritores coetáneos, na poesía, faceta na que ademais dos xa sinalados hai que mencionar as obras Versos de loita (1919), Ardencias (1927) e As mariñas de Sada: homenaxe á Sociedade Sada y sus contornos (1928). Con todo, foi o teatro o xénero no que máis destacou, e máis por inaugurar o teatro galego en prosa que pola calidade das súas pezas. A ponte: drama en dous actos en prosa, dividido en tes cuartos (1903), Mareiras: drama en tres actos en prosa (1904), Minia: drama n-un acto en prosa (1904), Escravitú: drama en dous actos en prosa (1906), O pazo: comedia en dous actos en prosa (1917) e Estadeíña: comedia en dúas xornadas en prosa (1919) compoñen o groso da súa produción dramática, caracterizada, fundamentalmente, polo seu afán didáctico e propagandístico.

Da súa autoría hai que mencionar tamén o libro de relatos Contos por Asieumedre (1909), no que recompilou textos que escribira para diferentes publicacións periódicas, sobre todo en A Nosa Terra, co pseudónimo de Asieumedre e, froito da súa preocupación pola lingua, Gramática do idioma galego (1922), a primeira obra destas características asinada en lingua galega.


Imprimir



Libros de Manuel Lugrís Freire na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |