Xograr
Xunto con Meendinho e Martin Codax, Joan de Cangas representa a eclosión creativa que estoura en Galiza nun momento, o período trobadoresco, no que o galego-portugués agromaba interna e externamente coa consolidación do seu léxico primeiro.A tres pezas que conforman o seu exiguo cancioneiro, ou máis ben o coñecido porque hai datos que apuntan a que a nómina debeu ser máis extensa, son cantigas de amigo e de refrán inscritas plenamente no xénero da romaría. A primeira delas, que leva por título “Amigo, se mi gram ben queredes”, presenta o sufrimento do amigo, e sobre todo da amiga, ante a imposibilidade do seu encontro en San Mamede do Mar pola prohibición da súa nai. A segunda, “En San Mamed'u sabedes”, amosa a tristeza da amiga como consecuencia da ausencia do seu amado, que non acudiu á cita e, xa por ultimo, “Fui eu, madr', a San Mamed'u meu cuidei” é unha pregaria na que a amiga roga ao seu amigo para que non a engane.
Tendo en conta os trazos das creacións de Joan de Cangas, situadas entre as dos xograres galegos Golparro e Martin de Ginzo (outro feito que apoia o argumento da súa orixe galega), os seus estudosos encadrárono na nómina de poetas que, malia non presentar características formais relevantes, lle ofreceron á poesía medieval galega composicións representativas dun xénero que daquela estaba en plena vixencia.
A Joan de Cangas dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1998, xunto con outros dous trobadores medievais: Meendinho e Martin Codax.