
Poeta, crítico, ensaísta, tradutor e lexicógrafo
Iglesia Alvariño é un dos poetas máis significativos do século XX, tanto pola súa densidade lírica como pola súa interpretación do mundo rural e pola riqueza da súa lingua. A súa formación humanística tivo gran repercusión nunha poesía con pegadas clásicas na que a dor existencial e a paisaxe foron os temas máis recorrentes e na que compilou as tendencias literarias do seu tempo: neotrobadorismo, saudosismo portugués, hilozoísmo, ritmos populares...Iglesia Alvariño escribiu os primeiros versos cara a 1925 e en 1930 publicou a primeira obra, Señardá, recompilación dos seus poemas xuvenís, nos que afloraron as lembranzas, a saudade e o intimismo da paisaxe galega e nos que son frecuentes, xunto ao modernismo, as influenzas de Cabanillas, Noriega Varela, Antero de Quental... O segundo libro, Corazón ao vento -1933-, entronca co franciscanismo da súa primeira obra e ábrese a correntes como o saudosismo e o hilozoísmo, e estabelece pontes cara á poesía moderna.
Despois dun silencio de varios anos, e trala guerra civil, compuxo poesía de signo fascista en español -Contra el ángel y la noche, 1941-. Con todo, en 1947 regresaría á lírica galega coa obra coa que puxo de manifesto a súa madurez creativa e coa que marcaría o inicio da literatura galega da posguerra: Cómaros verdes. Neste libro, compilación do material de tres lustros, apréciase a influencia de diferentes correntes (estilización neotrobadoresca, interiorización da paisaxe, ensaio de ritmos populistas, hilozoísmo...) e unha lingua enriquecida con procedementos estilísticos herdados do grupo do 27.
Ao longo da década dos anos 50 Iglesia Alvariño alternou o ensino e a recollida lexicográfica coa creación poética e, aínda que obtivo varios premios literarios, non volveu publicar nada ata 1960, ano no que recompila en De día a día os poemas escritos desde os anos da preguerra ata 1955. Un ano despois publicaría En lanza de soledá e, na mesma data, pouco antes do seu pasamento, Nenias, unha obra con cantos fúnebres na honra de distintos poetas. A súa produción poética pechouse co libro póstumo Leva o seu cantare (1963), recolleita de composicións inéditas ou ciscadas por distintas publicacións que non foran incluídas en volumes anteriores.
Aínda que a maior parte da súa produción, e pola que é máis coñecido, é de carácter poético, Iglesia Alvariño desenvolveu tamén, con notable éxito, as facetas de crítico, ensaísta, e, sobre todo, tradutor, labor no que destacou por verter ao galego obras dos clásicos grecolatinos (Horacio, Teócrito, Tibulo...). Deliberadamente afastado dos movementos culturais e políticos de posguerra, e figura por veces controvertida, foille recoñecida, con todo, a súa fonda preocupación polo galego, que o levou a recoller nun dicionario miles de palabras coa súa etimoloxía, notas históricas, fenómenos fonéticos, normas sintácticas...
Da súa traxectoria cómpre destacar, entre outras moitas empresas e á parte da autoría dos centenares de artigos que deixou escritos en páxinas literarias de revistas peninsulares e estranxeiras, que foi director de A Nosa Terra durante uns meses, membro numerario da Real Academia Galega e colaborador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.