Autores

Bernardino Graña

1932, Cangas

Poeta, narrador, dramaturgo

Bernardino Graña é unha figura fundamental da poesía galega do século XX. Membro do grupo Brais Pinto, ten publicado máis dunha trintena de títulos ao longo da súa dilatada carreira, pero é particularmente coñecido pola súa obra lírica, malia que cultivou tamén o teatro e as publicacións específicas para mozos.

Bernardino Graña Villar naceu en 1932 en Cangas. Desde os 18 anos formou parte a canda Celso Emilio Ferreiro do consello de redacción da revista Alba. Logo marchou a Santiago a estudar Filosofía e Letras, mais non rematou e proseguiuno primeiro en Salamanca e logo en Madrid. En Santiago colaborou no xornal La Noche e gañou algún premio das Festas Minervais, aínda convocados só en castelán, tomando contacto co rexurdir do galeguismo na capital compostelá. Durante a súa etapa de estudante en Salamanca (1955-57), foi un dos impulsores da revista Claverto e da tertulia Marabunta, organizadora de encontros culturais e diversos recitais poéticos na universidade salmantina, ó lado de Rafael Laínez Alcalá. Este interese polo desenvolvemento cultural levouno a participar en Madrid na fundación, en 1958, do grupo Brais Pinto, a canda Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo ou Raimundo Patiño. Xa licenciado en Filoloxía Románica, comezou a dar clase de lingua e literatura española en centros de ensino medio de toda España, ata que conseguiu destino en Galicia, primeiro en Padrón e logo na súa vila natal de Cangas. Despois de botar uns anos no Brasil, regresou ao Morrazo, dende onde impulsou a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Ao longo da súa traxectoria literaria ten misturado a partes iguais a poesía e a narrativa, se ben a maior parte destas últimas producións foron dirixidas a público xuvenil, pero sobre todo infantil. A poesía foi o xénero no que se iniciou, con Poema do home que quixo vivir, de 1958, nunha liña existencial bastante achegada ao que logo sería a poesía socialrealista dos sesenta e setenta. Continuouno con Profecía do mar (1966), seguramente o seu libro máis coñecido. Tamén foi a poesía o xénero máis estable, pois nunca deixou Graña de escribir versos ata o Sen sombra e sen amor de 2004, a única obra non recollida no compilatorio Ardentía, publicado en 1995.

Porén, na década dos noventa centrouse na narrativa infantil, con textos como Rata linda de Compostela, de 1994, ou a serie de libros que teñen como personaxe principal a Xan Guindán (Xan Guindán, capitán, de 1991, Xan Guindán, mensaxeiro, de 1994 ou Xan Guindán e os salvaxes de 1995), e onde practica unha narrativa sinxela e rítmica, onde as tramas pasan a un segundo plano.

Outras obras:

Vinte mil pesos crime, 1962 (teatro)

Contos populares da provincia de Lugo, 1963 (antoloxía de relatos)

O león e o paxaro rebelde, 1969 (narrativa infantil, premio O Facho de contos)

Fins do mundo, 1974 (narrativa)

Sinfarainín contra don Perfeuto, 1975 (teatro infantil)

Non vexo Vigo nin Cangas, 1975 (poesía)

Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen, 1978 (poesía, premio Galicia do concello de Santiago)

Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (teatro, premio Abrente en 1979)

Sima-cima do voar tolo, 1984 (poesía)

Planeta de ratos tolos, 1990 (narrativa infantil)

Himno verde, 1992 (poesía)

Oso mimoso, 1992 (narrativa infantil)

O gaiteiro e o rato Pérez, 1993 (narrativa infantil, premio Merlín)

Cristo e san Pedro, peregrinos, 1994 (narrativa infantil)

Contra o león covarde, 1995 (narrativa infantil)

Cantigas de Santa María 1996 (edición do texto clásico orientada ao público xuvenil)

O quirico lambón 1997 (narrativa infantil)

Luz de novembro 1997 (narrativa infantil)

Protoevanxeo do neto de Herodes, 2007 (novela)


Imprimir



Libros de Bernardino Graña na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |