Ensaísta e narrador
Boa parte dos fitos que marcan o devir cultural de Galicia ao longo do século XX e comezos do XXI (Galaxia, Grial, o Seminario de Estudos Galegos, a biblioteca da Fundación Penzol, a Real Academia Galega...) está ligada ao nome de Francisco Fernández del Riego, un dos intelectuais galeguistas máis relevantes do país e autor dunha obra que, sobre todo no eido do ensaio e da crítica literaria, é hoxe tan extensa como recoñecida.
O perigo que corría pola súa vinculación activa ao galeguismo no momento no que estoupou a guerra civil levouno a alistarse no exercito durante a contenda para volver, xa na posguerra, á loita clandestina pola súa reorganización.
Mencionar cada unha das empresas culturais que Fernández del Riego acometeu a partir de entón é case tan complicado como enumerar a súa produción. Por citar algunhas delas pode destacarse que, xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia; que dirixiu, co primeiro deles, os cen primeiros números da revista Grial -escribindo para ela numerosos artigos e recesións literarias-; que presidiu a Real Academia Galega entre novembro de 1997 e decembro de 2001; ou que fundou e levou a xerencia, entre 1950 e 1974, da Fundación Penzol, da que tamén é director da súa biblioteca... No ano 1995 doou á cidade de Vigo unha colección de libros, documentos, pinturas..., de incalculable valor histórico e artístico, que hoxe constitúe os fondos da Biblioteca-Museo que leva o seu nome. Os méritos e galardóns recollidos ao longo da súa traxectoria son igualmente incalculables (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla Castelao, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo...).
No que respecta á súa produción, cóntanse por miles os artigos que ten publicados en diferentes revistas e xornais de Galicia, Madrid, Cataluña, América... e son numerosas tamén as conferencias impartidas, as participacións en volumes de autoría colectiva, os limiares escritos, os congresos e simposios nos que participou...
Falando xa de libros, a maior parte deles abordan a cultura e a literatura galegas: Cos ollos do noso esprito (1949), Índice cultural e artístico do renacimento galego (1933), Galicia no espello (1954), Escolma de poesía galega: os contemporáneos (1955), Manual de historia da literatura galega (1971), Poesía galega: do dezanove aos continuadores (1976), Diccionario castellano-gallego (1979), Poesía galega: do posmodernismo aos novos (1980), Diccionario de escritores en lingua galega (1990)... Á par deles cómpre destacar tamén os de carácter histórico-xeográfico (O camiño de Santiago -1992-, Mondoñedo -1992-, Galicia -1994-...), os que se ocuparon doutras literaturas (Letras do noso tempo -1974-, Escritores de Portugal e do Brasil -1984-...) ou os seus monográficos sobre escritores e figuras da cultura galega (Antolín Faraldo, un precursor -1978-, Vicente Risco: escolma de textos -1981-, Ánxel Casal e o libro galego -1983-, Álvaro Cunqueiro e o seu mundo -1990-, Luís Seoane desde a memoria -1994-...). Así mesmo, cultivou a narrativa (O cego de Pumardedón -1992-) e deu ao prelo as súas memorias en 1990 (O río do tempo. Unha historia vivida) e en 2004 (Camiño Andado), dúas obras que, ademais de repasar unha biografía case centenaria, son tamén, dalgún xeito, a crónica dun tempo.