Autores

Lois Diéguez

Outros:


Libros relacionados:

Lois Diéguez Vázquez

1944, Monforte de Lemos

Poeta e narrador

Lois Diéguez é un sobranceiro militante do nacionalismo galego de esquerda dende os anos sesenta. O seu compromiso político non se restrinxiu á actividade nas institucións e partidos; pola contra, a denuncia social está a miúdo presente nas súas obras. Nalgunhas, o cariz reivindicativo en absoluto exclúe a recreación dos aspectos máis descarnados da existencia humana.

Licénciase en Madrid como enxeñeiro técnico topógrafo, profesión que exerce no Concello de Lugo. Como político, foi fundador e secretario-protavoz da AN-PG e deputado do primeiro Parlamento de Galicia co Bloque Nacionalista Galego (BNPG) entre os anos 1981 e 1985. Nestas datas, Lois, Bautista Álvarez e Claudio López Garrido néganse a xurar a Constitución, o que ten como consecuencia a expulsión da institución.

Por outra banda, xa dende os últimos anos da ditadura desenvolveu un importante labor como animador de agrupacións culturais galegas e do idioma, realizando habitualmente programas de radio.

Estréase no eido da literatura en 1966 co libro de poemas Albre de esperanza. Dous anos despois publica Cancións pra un agromar branco i azul, versos musicados e cantados polo grupo Voces Ceibes. Concretamente, o poema “Eu son a voz do pobo” converteuse nun dos emblemas do grupo musical. Pero neste mesmo ano sae á luz a súa primeira novela, A torre de Babel, de perfil realista e autobiográfico. Nela, conta as peripecias de ingreso na vida adulta dun grupo de rapaces universitarios galegos en Madrid, nas décadas dos sesenta e setenta. Doutra banda e constituído a partir de narracións breves, O tempo sin saída (1972) conta cunha forte carga de denuncia social e política e cunha marcada sensibilidade a respecto dos nenos e das clases economicamente máis humildes. Seis anos despois retoma a súa andaina poética co libro O ferro dos días, no que se combina a loita política co amor. É unha literatura madura e equilibrada, sen defectos e sen innovación. En 1975 Galou Z-28 obtén o Premio da Casa de Galicia de Bilbao: a obra publícase un ano despois do galardón. Así mesmo, en 1986 gaña o Premio Blanco Amor coa novela A canción do vagamundo, na que narra a vida de varias xeracións dunha familia galega. Ambiciosa pero cualificada de lenta, o discurso político é explícito. En Artusa (1989) encádrase na literatura infantil e xuvenil, pero a disposición abundante de símbolos culturais galegos pode dificultar a recepción da obra.

Sete narracións arriscadas constitúen Monólogos no espello (1993). Neles aborda temas dispares como a homosexualidade, a drogadicción, a senectude, a soidade, o imperialismo cultural, a corrupción ou a loucura, todos eles entremesturados co sentimento da paixón. A compoñente doutrinaria está moi presente nos relatos máis políticos.

Tres sombras góticas e unha rosa (1995), Henriqueta na galeria (1997), Viaxes ás terras encantadas de Lemos (1999) e A casa de Galiaz (2003) son as novelas que proseguen a obra narrativa de Lois Diéguez. Ata este mesmo ano, 2007, non volve engrosar os anais da literatura galega, e esta vez regresa con O canto do Muecín, novela ambientada en Siria.

Pero antes, en 2001, o libro Ónfalos continúa a súa obra poética. Malia que esta se mantén nun plano inferior en relación á súa narrativa, é salientable a súa evolución: dende As Cancións pra un agromar branco i azul dos seus inicios, nos que se evidenciaba a vontade política de darlle voz a aqueles aos que carecían dela, empregando a primeira persoa do plural, Lois Diéguez evoluciona cara a unha poesía en que a confesión persoal adquire maior relevancia. Maior madurez literaria é o que se adquire, finalmente, con esta travesía.

O escritor, que colabora acotío con A Nosa Terra e con outros medios galegos, é membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega dende 1990. Mantén a súa actitude crítica fronte á dereita centralista, así como o seu compromiso co nacionalismo (oficial) galego, militando (ideoloxicamente) a prol dunha maior autonomía política.


Imprimir



Libros de Lois Diéguez na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |