
Narrador, ensaísta e poeta
Francisco Fernández Naval entra no mundo da escrita abarcando non só a narrativa e a poesía, senón tamén guións para televisión. Recoñece ter chegado á literatura por causa do legado inmaterial dos seus pais, que adoitaban contarlle historias. As achegas literarias deste autor mostran os recunchos psicolóxicos dos protagonistas, que acaban afondando na dimensión ontolóxica do humano.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Recorda pedirlle a súa nai que lle contase contos, pero o que recibía dela eran historias da memoria da familia, do río, da aldea. Probablemente, pensa, aí naceu o gusto de escoitar e a necesidade de contar, pero non só coa literatura, tamén coa linguaxe cinematográfica, xa que o seu pai traballara na sala ourensá que fora do seu tío Manuel Xesteira. Así, Francisco ten escrito guións para series da Televisión de Galicia e para a produtora Xamalú Films.
Porén, as primeiras relacións co mundo cultural sitúanse na pertenza ao grupo de Teatro Independente Histrión 70 e na colaboración, con Manuel Guede, na constitución dos grupos Rúa Viva e Caritel. Comeza publicando poesía, en 1980. A obra é A fonte abagañada, premio da Cidade de Ourense. É un poemario de tránsito, entre o socialrealismo dos 70 e a busca estética propia da Xeración dos 80. Segue con poemas e tira en 1987 Pabellón habitado, obra en que, a través da temática amorosa, formula o destino colectivo dos seres humanos: a soidade ontolóxica.
Un ano despois estréase na narrativa con O bosque das antas, co que consegue o Premio Xerais. Nel trátase, con estilo sinxelo e liricamente austero, a incidencia política e social dos acontecementos posteriores ao levantamento do 36. Cunha estrutura temporal flexible, as lembranzas (nostálxicas) toman o protagonismo narrativo, aspecto que se repite en Tempo de crepúsculo (1993), novela en que a rutina dun funcionario muda de socato coa explosión dun paquete bomba que o deixa cego e paralítico. A memoria, aquí, tamén serve para reconstruír as vivencias do pasado inmediato, truncado polo suceso e, así, cavilar no futuro incerto. A restrición repentina dos estímulos recibidos vai cambiando a súa percepción da realidade. A voz do narrador e a do protagonista vanse misturando ao longo dos vintesete capítulos que compoñen a obra que, a pesar da introdución de diálogos ocasionais e breves, ten o monólogo como fonte do discurso literario. O conflito interior é o eixo da narración.
Porén, con anterioridade colabora en libros colectivos, coma Caderno de viaxe (1989), constituído a partir de extensos relatos arredor dunha experiencia de viaxe, ou en Paralelo 42 (1989), co relato “O anxo caído”.
Francisco Fernández Naval achega outra obra narrativa no ano 1997, Sombras no labirinto, antes de estrearse na literatura xuvenil un ano despois con Historias roubadas, libro de relatos.
Regresa ao ámbito poético con Días de cera (1999), momento en que tamén publica, por primeira vez, un ensaio: O mundo da pesca na literatura galega.
No 2001 volve apostar pola narrativa xuvenil e publica Lendas de onte, soños de mañá e No corazón da fraga. E dous anos despois, máis creación para rapaces con Suso Espada. O misterio do Grial. Agora ben, ese mesmo ano tamén achega Sete noites e un amencer, para lectores máis adultos. En 2005 sae á luz Unha cita co aire, novela en que se mergulla nas rutas da existencia valéndose da amizade, “retomada” polas circunstancias, entre un xornalista e un fotógrafo.
O labor de Fernández Naval esténdese á participación en guías de viaxes. Destacan a Guía Histórico Patrimonial da Provincia da Coruña (na que colabora co tamén escritor Xavier Alcalá), a Guía Histórico Patrimonial da Provincia de Ourense (esta vez colaborando co crítico teatral, xornalista e escritor Camilo Franco) e Unha Viaxe á Procura do Solpor.
As colaboracións en prensa deste autor son frecuentes: “Noite de pallabarro” é o nome do artigo aparecido en A Trabe de Ouro, e “Desagravio ao mar: acto literario no Porto de Lira”, en Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, a propósito do Prestige.