Escritor e xornalista
Considerado un dos grandes contemporáneos do relato curto, Ánxel Fole reuniu con mestría nas súas obras a sabedoría popular forxada nos seus anos de vida no campo co pouso cultural que lle deparou a lectura dos autores que máis o impresionaron: Poe, Dickens, Tolstoi, Chejov... Con todo isto, cun humor requintado e cunha técnica narrativa sustentada na oralidade foron fluíndo con portentosa imaxinación nos seus contos moitas das crenzas populares, lendas míticas e experiencias metapsíquicas que ata o de entón só habitaran na tradición oral de carácter popular.
En paralelo a todo isto Fole comezou tamén nos 30 a escrita de poemas de carácter obreirista, anticaciquil e anticlerical na prensa política da época, pezas que publicou de forma anónima ou que asinou con algún dos moitos pseudónimos que empregaría ao longo da súa vida. Foi tamén daquela cando iniciou a súa andaina narrativa dando forma aos textos que ían constituír o seu primeiro libro de relatos, Auga lizgaria, no momento no que o estoupido da guerra civil impediu a súa publicación. Con todo, esta non foi máis que a primeira dunha longa lista de consecuencias nefastas que o inicio da contenda supuxo para o lucense, a quen a represión política sufrida por el e polos seus lle deixou, entre outras herdanzas, o padecemento de pesadelos crónicos.
No ano 1941, e sen recursos, Fole deixa Lugo polo campo dos concellos de Quiroga, O Incio e O Courel, onde viviu durante un amplo período de tempo en contacto directo coa terra e os campesiños, participando da vida nas tabernas, das feiras, das festas... e, en definitiva, dun universo popular no que bebeu a temática e as técnicas narrativas que lle inspiraron A lus do Candil. Contos a carón do lume (1953) e Terra Brava. Contos da solaina (1955), os seus primeiros libros de relatos, e maila peza teatral Pauto do Demo (1958). Estas tres obras racharon nos anos 50 cun longo silencio narrativo, xa que durante os 40 o escritor lucense se centrara fundamentalmente nas colaboracións xornalísticas (mantivo a sección Kaleidoscopio de Lugo en El Progreso, participou en La Noche e Faro de Vigo, escribiu artigos para a prensa da emigración galega en América...), á par que participaba na restauración cultural do país como cofundador da editorial Galaxia ou como colaborador dos primeiros cadernos Grial.
En 1953, de volta en Lugo, Fole segue escribindo colaboracións ata que no ano 1957 se incorpora definitivamente á redacción de El Progreso, xornal no que publicaría algúns dos seus artigos máis coñecidos baixo o epígrafe Cartafolio de Lugo, mesmo título co que foron recollidos nun libro en 1981, e para o que, en 1970, comezaría a dirixir a páxina literaria dominical Táboa redonda. Moi coñecida foi tamén a súa sección Plaza Mayor en Hoja del Lunes de Lugo, desde 1962 ata 1984.
Membro numerario da Real Academia Galega desde 1963, na que ingresou co discurso “Castelao i-a tradición galeguista”, Ánxel Fole aínda publicaría dous libros máis antes do seu pasamento (Lugo, 1986): Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981) ámbolos dous de atmosfera xa máis urbana.