
Son moitos os elementos da biografía de Rosalía de Castro que axudan a entender unha obra, comprometida e de trazos intimistas, que a situou como unha das figuras clave do Rexurdimento da literatura galega xunto con Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Tal consideración débese non só á súa achega literaria en xeral, con Cantares Gallegos como grande obra da literatura galega contemporánea, senón tamén ao proceso de mitificación que a converteu en símbolo e encarnación da alma galega.
En 1850, ao fixar dona Teresa a súa residencia habitual en Santiago de Compostela, Rosalía comeza a participar activamente nas representacións teatrais do Liceo de la Juventud e a recibir unha educación axeitada á súa condición de fidalga, adquirindo unha formación non habitual nas mulleres do seu tempo (francés, debuxo, música...). Probablemente co obxecto de ampliar estes coñecementos, en 1856 marcha a Madrid para vivir coa súa tía María de Castro e para iniciar, en 1857 e coa publicación do poemario La Flor, unha andaina literaria que malia ser obxecto de loanzas puntuais desde os seus comezos non obtén o recoñecemento debido ata anos despois do deceso da escritora, grazas en boa medida ás gabanzas dos modernistas da xeración española de 1898.
No caso desta primeira obra, os comentarios favorables de Manuel Murguía e Benito Vicetto, entre outros, supoñen un pulo para a autora, que non tarda moito en publicar o seu primeiro texto en prosa en castelán, titulado “Lieders” (en El Álbum del Miño de Vigo, 1858). Toda a súa produción posterior asinaraa xa, despois da súa voda con Manuel Murguía en 1858, como Rosalía Castro de Murguía. Deste matrimonio, sobre o que se ten cuestionado moito a súa felicidade (non así a profunda admiración que o polígrafo coruñés tiña pola súa muller), naceron sete fillos e fillas. A tráxica e pronta morte do sexto, Adriano, e o feito de que nacese morta a última, Valentina, axudarían a escurecer despois, xunto cos problemas económicos e o cancro que lle custou a vida, os últimos anos da escritora.
Desde 1859, ano no que publica a novela La hija del mar, Rosalía vive habitualmente en Santiago de Compostela. Alí van vendo a luz, sucesivamente, a novela Flavio (1861) e os poemarios Album de la caridad (1862), A mi madre (1863) e Cantares gallegos (1863), obra fundamental da historia da literatura galega e cuxa data de publicación foi escollida, cen anos despois, para instituír a celebración do Día das Letras Galegas. En 1965 as forzas conservadoras impiden a publicación dun relato de costumes titulado “El Codio” en Almanaque do editor Soto Freire en Lugo, cidade na que en 1867, mesmo ano no que recibe numerosos eloxios nos Xogos Florais de Barcelona, publica El caballero de las botas azules, a súa mellor novela a xuízo da crítica. Un ano antes, ademais doutras obras de menor extensión, saíra por entregas, na prestixiosa revista El Museo Universal, a novela Ruínas.
Entre 1869 e 1870, por mor do nomeamento de Murguía como director do Arquivo Nacional, Rosalía reside en Simancas e é alí onde compón a maior parte dos poemas de Follas Novas, obra que non se publicaría ata 1880 e que se convertería, de inmediato, nun éxito de crítica en Galiza, Madrid, Cataluña, Cuba...
A partir de 1971, ano do regreso definitivo de Rosalía a Galicia, o pazo de Lestrove (Dodro) e a casa da Mantanza en Padrón (hoxe Casa-Museo), con estancias puntuais en Compostela, van ser os últimos fogares da poeta, que continúa escribindo neses anos e ata a súa morte, o 15 de xullo de 1885, poemas para Follas Novas, a novela El primer loco. Cuento extraño (1881), as catro entregas de “Padrón y las inundaciones” en La Ilustración Gallega y Asturiana de Madrid (1881), “Costumbres gallegas” en Los Lunes del Imparcial (1881) e o poemario En las orillas del Sar (1884).