Autores

Álvaro Cunqueiro Mora

1911, Mondoñedo - 1981, Vigo

Xornalista, narrador, poeta e dramaturgo

Cunha lingua culta e vangardista, sempre enfocada desde a oralidade, a obra de Cunqueiro é unha aposta pola imaxinación na que se harmonizan a fantasía co pragmatismo e as esencias do mundo popular galego co eco intertextual. A súa produción, na que fixo alarde dunha potente imaxinación, foi ampla e variada: poesía, prosa, teatro, ensaio, xornalismo, guións para documentais, libros de viaxes e de gastronomía..
Álvaro Cunqueiro nace o 22 de decembro de 1911 en Mondoñedo, unha cidade que cómpre ter presente para entender boa parte dun universo literario que comezou a tecerse alí mesmo, entres as fantasías narradas pola nai, Pepita Mora Moirón, e as tertulias organizadas na botica do pai, Xoaquín Cunqueiro Montenegro.

En 1921 Cunqueiro trasládase a Lugo para completar o bacharelato e alí, na redacción do xornal do instituto, coñece a Ánxel Fole, que o achega aos irmáns Correa Calderón e a Luís Pimentel. Seis anos despois matriculase por libre na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela e comeza así unha etapa que, entre 1927 e 1934, o levará constantemente de Mondoñedo á capital galega, onde convive co seu amigo Fole. Con todo, serán as tertulias dos cafés Derby e El Español, a súa relación cun nutrido grupo de artistas da plástica e da literatura (Eiroa, Colmeiro, Cuadrado, Maside, Souto, Seoane...) e os libros da biblioteca de García-Sabell os que se convertan na súa verdadeira universidade.

Despois de varias colaboracións esporádicas, en 1930 comeza a publicar poemas e artigos na revista Vallibria, que leva en Mondoñedo Xosé Trapero Pardo, e dirixe, ata 1933, Galiza, publicación galeguista na que tamén deixan a súa sinatura, entre outros, Aquilino Iglesia Alvariño, José Díaz Jácome, Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco.

Chegan así os tempos de afiliación ao Partido Galeguista, as colaboracións en A Nosa Terra, Nós, El Pueblo Gallego, Universitarios, Resol, Yunque... e, sobre todo, a publicación das súas primeiras obras, todas elas de poemas e ilustradas por Seoane: Mar ao norde (1932); Cantiga nova que se chama ribeira (1933), para moitos a obra inaugural da corrente neotrovadoresca da lírica galega e merecedora, en 1934, do premio Gil Vicente; e Poemas do si e do non (1933), cancioneiro amoroso considerado como o introdutor do surrealismo na literatura galega e publicado en Un. Esta editorial formou parte dun ambicioso proxecto emprendido en Mondoñedo por Cunqueiro, con Iglesia Alvariño e Bernardo Vidarte: a Oficina Lírica do Leste Galego, responsable das publicacións Papel de Color, Frol de Diversos e Impresos Sentimentais.

En 1934 a súa viaxe a Barcelona, invitado por Amics de la Poesía de Carles Riba, supuxo o inicio dunha intensa relación con Cataluña.

O levantamento militar de xullo de 1936 sorprende a Cunqueiro en Mondoñedo. A súa militancia nas Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista, a súa defensa do Estatuto, a condición de editor de Galiza e a participación como orador nalgún mitin durante a República foron motivos máis que suficientes para que a súa familia se mobilizase ata conseguir a axuda dun crego de Ortigueira que, despois de levar a Cunqueiro a unha academia onde traballou como profesor, o incorpora, na Coruña, á redacción do semanario falanxista Era Azul. A partir deste momento o poeta que escribira case exclusivamente en galego, dado de alta no Registro General de Periodistas, empeza a obter recoñecemento polos seus traballos escritos en castelán para publicacións afíns ao novo réxime (Vértice, Legiones y Falanges, Escorial, Santo y Seña...), ao tempo que vai pasando polas redaccións de El Pueblo Gallego en Vigo e de La Voz de España en San Sebastián, antes de incorporarse en Madrid, en 1939, ao diario ABC.

A intensa actividade xornalística desta etapa non impide que Cunqueiro siga publicando. Sucédense así, no eido da poesía, Elegías y canciones (1940), as colaboracións en Corona de sonetos en honor de José Antonio Primo de Rivera (1939) e en Laureados (1940) e Balada de las damas del tiempo pasado (1945); a pequena obra dramática Rogelia en Finisterre (1941); os relatos de El Caballero, la muerte y el diablo y otras dos o tres historias (1945) e San Gonzalo (1945).

En 1943 Cunqueiro abandona a Falanxe e un ano despois, desposuído do seu carné de xornalista por mor dun incidente coa embaixada francesa, obrígao a vivir de colaboracións esporádicas en revistas literarias antes de volver a Galiza en 1947, xa casado e como pai de dous fillos.

De novo en Mondoñedo, e grazas a Francisco Fernández del Riego, comeza a colaborar nas páxinas do diario compostelán La Noche, ao tempo que empezan a ser habituais os seus artigos en El Progreso, La Voz de Galicia, La Región, etc. Con todo, será no xornal vigués Faro de Vigo onde desenvolva boa parte da súa carreira xornalística, primeiro como colaborador, nos anos 50, posteriormente como redactor e logo como director entre 1965 e 1970.

Os versos e artigos de Cunqueiro, moi dado a rachar no caso destes últimos os límites entre os diferentes xéneros literarios, foron aparecendo tamén nas principais revistas literarias deste período, tanto galegas (Aturuxo, Atlántida, Nordés, Xistral, Grial...) como madrileñas (Chan, Mundo Gallego...) ou catalás (Élite, Saudade...), así como en diferentes xornais (El Alcázar, Arriba, La Gaceta del Norte, Informaciones, Nuevo Diario, La Vanguardia...).

A partir dos anos 50 Cunqueiro céntrase principalmente na narrativa para publicar, en galego, as súas novelas máis relevantes (Merlín e familia -1955-, As crónicas do Sochantre -1956- e Si o vello Sinbad volvese ás illas -1961-) e algúns libros de relatos (Escola de menciñeiros -1960-, Xente de aquí ou acolá -1971- e Os outros feirantes -1979-), entre incursións no xénero dramático (O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca -1959-, A noite vai coma un río -1965-, Palabras de víspera -1974- Xan o bo conspirador -1978-) e sen esquecer a poesía (Dona do corpo delgado -1950-, Herba aquí ou acolá -1980-). Con todo, non deixan de saír do prelo obras súas en castelán, narrativa fundamentalmente: Crónica de la derrota de las naciones (1954), Las mocedades de Ulises (1960), Flores del año mil y pico de ave (1968), Un hombre que se parecía a Orestes (Premio Nadal en 1969), Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca (1972), El año del cometa con la batalla de los cuatros reyes (1974) e Tertulia de boticas prodigiosas y Escuela de curanderos (1976).

No ano 1963 ingresou na Real Academia Galega, un recoñecemento tras o que chegarían outros moitos nos seus últimos anos de vida, entre eles o de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, en 1980, un ano antes do seu pasamento en Vigo.


Imprimir



Libros de Álvaro Cunqueiro Mora na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |