Autores

Celso Emilio Ferreiro Míguez

1912, Celanova - 1979, Vigo

Poeta, narrador

Aínda que tamén cultivou a narrativa en forma de novelas e memorias, foi a poesía o xénero que Celso Emilio Ferreiro escolleu para expresar de forma máis efectiva o seu compromiso transformador da sociedade e Longa noite de pedra, un fito na poética de reivindicación social, a obra que mellor o reflicte. Coinciden moitos dos seus estudosos en que non puxo o mesmo interese no coidado dunha lingua que inzou de castelanismos e vulgarismos para non afastarse da lingua maioritaria do pobo.
No seo dunha acomodada familia de campesiños de Celanova nace en 1912 Celso Emilio Ferreiro, quen xa desde moi novo recibe unha formación cultural pouco frecuente para a súa época e toma contacto co movemento nacionalista. Tal foi así que a comezos dos anos 30, década en que comeza a desenvolver un traballo xornalístico, poético e político marcado polo compromiso co país, xa figuraba como afiliado das Mocidades Galeguistas e como director de Guieiro, voceiro desta formación. Foi precisamente un artigo publicado nas súas páxinas, no que comentaba un discurso de Gil Robles, o que o levou a ser procesado en 1935. Tralo estoupido da Guerra Civil viuse obrigado a loitar, dentro do bando franquista, nunha contenda que o afastou momentaneamente de toda actividade política e literaria, esta última iniciada coa publicación de Cartafol de poesía (xunto con Carlos Velo) en 1935. En 1937, durante catro noites que pasou condenado na cadea, escribiu algúns dos poemas de Longa noite de pedra, poemario que completaría logo na posguerr

Ao rematar o conflito cursou Dereito e Maxisterio en Compostela e, logo de casar con María Luísa Moraima Loredo, instalouse en Pontevedra. Alí, ademais de retomar as colaboracións xornalísticas (Mar, Finisterre, Sonata Gallega, Guía Anuario de Pontevedra...), fundou, en 1948, a colección Benito Soto, fundamental no desenvolvemento da poesía galega da época franquista. Nela publicou a súa obra Musa alemá (1951).

A mediados do século XX Celso Emilio Ferreiro deixa Pontevedra por Vigo, cidade en que ademais de destacar como codirector da revista Alba vai retomar de cheo a súa andaina poética coa publicación de O soño sulagado (1954) e a participación na aparición da colección de poesía Salnés, da editorial Galaxia. Nela, publica en 1962 Longa noite de pedra, obra dun forte impacto social que o consolidou como poeta comprometido e símbolo da corrente socialrealista e cuxo título chegou a considerarse como unha forma metafórica de referirse aos anos do franquismo.


En 1966, días despois dunha sonada homenaxe en Ourense, emigra a Caracas, onde publica Viaxe ao país dos ananos (1968) e, baixo o pseudónimo de Arístides Silveira, Cantigas de escarnio e maldecir (1968), dúas obras en que emprega fundamentalmente un rexistro satírico e que, á vez que para criticar certos comportamentos que consideraba rexeitables, lle valeu para ser obxecto dalgunha que outra crítica. Cómpre salientar tamén os títulos Terra de ningures -1969-, de ton populista, o romance de cego Paco Pixiñas -1970- e Antipoemas -1972-, se cadra a súa obra máis heteroxénea.

En 1973 instalouse en Madrid, onde se dedicará por completo á actividade literaria e xornalística e publicaría Cimenterio privado (1973), continuando coa súa faceta satírica, e Onde o mundo se chama Celanova (1975). A súa produción narrativa redúcese aos títulos A fronteira infinda (1972) e A taberna do galo (1975). En castelán publicou Al aire de tu vuelo (1941), Baladas, cantigas y donaires (1947) e Antipoemas (que recibiu en Caracas, en 1971, o Premio Álamo da Delegación Nacional de Cultura) e tamén é autor dun ensaio sobre o poeta celanovés Curros Enríquez.

O 31 de agosto de 1979 finou subitamente en Vigo, aínda que o seu corpo foi soterrado en Celanova. Antes da súa morte deixara preparada para a súa publicación O libro dos homenaxes (1979).

Imprimir



Libros de Celso Emilio Ferreiro

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |