Poeta
O estilo de Luísa Castro reflicte un universo persoal que mistura o cotián e o mito clásico, a linguaxe naif e ao tempo elaborada e refinada. A combinación da mirada inocente, emotiva, coa sofisticación na codificación do observado, do vivido son dous elementos precisos, segundo a autora, para achegarse á creación artística. A libre asociación de imaxes, a subversión lúdica e a repetición de personaxes unifican a súa obra.Inicia os estudos de Filoloxía Hispánica en Compostela para rematar licenciándose en Madrid. A súa entrada na literatura dáse aos 12 anos, idade en que obtén o Premio de libreiros de Galicia de narracións curtas. Os cartos gañados teñen que ser destinados a mercar literatura galega, o que, segundo ela, marcará o seu destino como escritora. Con dezasete anos publica o seu primeiro libro de poemas, Odisea definitiva. Libro póstumo. Pouco despois gaña o Premio Hiperión con Los versos del eunuco (1986). En 1988 publica Los seres vivos e no 89 Los hábitos del artillero, co que consegue o VI Premio Rey Juan Carlos de Poesía de 1990. Pero combina este percorrido pola literatura castelá coa introdución na galega, así, Baleas e baleas, accésit do Premio Esquío, data de 1988 e, incluso, sábese dun libro inédito de 1984, Homenaxe. Algúns dos poemas que o compoñen si foron publicados. En 2004 reúnese a súa obra poética en Señales con una sola bandera (1984-1997).
A primeira novela de Luísa Castro, que considera artificial a clasificación por xéneros, por “haber só un magma para escribir, e o momento xa pide a forma”, sae á luz en 1990, con título El somier. Con ela é finalista do Premio Herralde. Séguelle La fiebre amarilla (1994) e El secreto de la lejía, Premio Azorín en 2001. En Diario de los años apresurados (1998) recolle as lembranzas dos anos composteláns e do traslado a Madrid.
En Viajes con mi padre (2003) a rememoración do pasado, que no libro previo semellada máis desconsolado, aparece cunha visión máis conciliadora. O amor e a dor enrédanse nunha exposición de estrutura narrativa pero de voz profundamente poética. Aínda que a referencia autobiográfica non é totalmente asumida, Luísa Castro entende a escrita como un xeito de explicar a realidade coa que un se ten que manexar. De todas formas, recoñece inevitable o camiño propio, autónomo, que toma unha obra, cuxa finalidade non é impor unha verdade, senón buscala, abrila.
A editora Seix Barral concédelle en 2006 o Premio Biblioteca Breve por La segunda mujer. En La fiebre amarilla a autora tamén empregara un narrador en terceira persoa. A relación sentimental entre un home maior e unha rapaza puido entenderse como unha revisión do mito de Lolita, aínda que neste caso, Luísa Castro, achégase ao que sucede cando o “sentimento inexperto” se dirixe verdadeiramente cara á personaxe adulta. En La segunda mujer, o home obxectiviza a rapaza de maneira que se tende cara á alienación. A novela ten a capacidade de despregar múltiples lecturas, o que enriquece o seu potencial literario.
Pouco antes a Luísa Castro fóralle concedido o Premio de Narrativa Torrente Ballester polo libro de relatos Podría hacerte daño.
Neste ámbito, a autora foi recoñecida tamén ao ser incluídas distintas creacións súas en antoloxías como Madres e hijas (“Mi madre en la ventana”, 1996), Páginas Amarillas (“El amor inútil”, 1997) ou Vidas de mujer (“No es un regalo”, 1998).
Colabora habitualmente en prensa, concretamente, en La Voz de Galicia, El Mundo e El País Semanal. Como crítica literaria, durante longo tempo, achegou a súa voz desde as páxinas do ABC.
Luísa Castro, que tamén realizara estudios de cine en Columbia e en New York University, impartiu clases de guión cinematográfico no Institut d’Humanitats de Barcelona.
A residencia da autora, que sempre sufriu a ambigüidade de ser “galega que escribe en castelán”, oscila entre Madrid e Santiago. E foi a forza dese único libro editado en galego, Baleas e baleas, o que a converteu nun referente da poética feminina das xeración dos 90.