
Narrador, ensaísta, articulista
Alfredo Conde escribe hoxe artigos de opinión e continúa a súa traxectoria narrativa que supera a ducia de títulos, parcialmente traducidos a linguas do contorno. Marca transversal desta é o seu interese pola recreación histórica, como amosan a recente María das batallas así como a obra que lle supuxo un recoñecemento máis unánime, Xa vai o griffón no vento (1984).
Fixo estudos de Náutica e de Filosofía e Letras e dedicouse ao longo de anos ao ensino para logo participar en política, no comezo como deputado polo PSOE e logo como conselleiro de Cultura no goberno tripartito.
Mencer de lúas (1968) un poemario de adolescencia e mocidade supuxo o seu inicio como escritor, aínda que hoxe é coñecido case en exclusiva como narrador e como articulista na prensa, labor que exerceu en varios xornais: El País, ABC, La Vanguardia, El Periódico de Cataluña, La Voz de Galicia e na actualidade en El Correo Gallego e que lle serviu para obter os premios de xornalismo Fernández Latorre e Julio Camba.
Mementos de vivos (1974) unha colección de relatos, comeza a súa andaina en narrativa cun ton marcadamente autobiográfico e a esta seguiralle Contubernio catro de Tomé S. (1978) e Come e bebe que o barco é do amo (1978). Ha ser coas seguintes novelas, Breixo (1981) e Memoria de Noa (1982) cando Conde comece a ser coñecido como narrador, e definitivamente cos premios Blanco Amor e da Crítica Galega para Xa vai o griffón no vento, que recibiu tamén en 1984 o premio de literatura do Estado, a primeira vez que este recoñecemento recaía nun autor galego e que sería merecente tamén en 1990 do Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira publicada en lingua italiana ese ano. Esta novela segue sendo hoxe a obra máis coñecida e discutida de Conde e a que máis atención crítica recolleu. Comparte con outras do autor a presenza de dous planos e contén unha historia pasada, a dun inquisidor, con outra actual, a dun profesor visitante nunha universidade francesa. Ambos os personaxes teñen o mesmo nome e conflúen pola existencia dun único narrador que xunta os seus monólogos interiores.
O crítico Anxo Tarrío salientou da obra de Conde o seu vitalismo, fundamentado na palabra como manifestación máxima e o erotismo e considéraos eixos temáticos principais, nun autor que regresa á creación con Música sacra (1989) conxunto de relatos asinados en diferentes cidades que mesturan universo lírico, realista e máxico.
En 1991 gañou o Premio Nadal coa novela en castelán Los otros días, ben acollida pola crítica española e que abriu un proceso de afastamento de Conde co seu público de lectores en galego así como cos demais axentes do noso campo literario.
Entre as súas últimas achegas ao eido da narrativa a partir dese momento salientan obras como Sempre me matan (1995), novela en que aborda o tema da emigración contemporánea que continuará con O fácil que é matar (1997); A casa de Adara (1996) onde evocación e memoria se mesturan co confusión de planos entre realidade e fantasía. En Azul cobalto (2001) achégase á figura do marqués de Sargadelos e con Memorias dun soldado (2002) constrúe unha novela simbólica asentada no rexeitamento da guerra. Romasanta. Memorias incertas do home lobo (2004) reconstrúe unha historia da tradición popular da zona de Allariz que contaba xa con versións literarias. En Lukumí (2006) narra a colonización de Cuba a través dos ollos dun personaxe de pai galego e nai descendente de escravos africanos. A novela María das batallas (2007) prosegue o seu camiño da reelaboración histórica ao achegarse á personaxe de María Pita e ao momento do asedio da Coruña do século XVI levado a cabo polas tropas de Francis Drake.
Conde, primeiro presidente do Pen Clube galego, conta con boa parte da súa obra traducida a varias linguas e foi proposto pola Universidade de Melbourne para o Premio Nobel de Literatura.