Poeta, narrador, ensaísta
Manuel Forcadela é un dos escritores galegos vivos máis prolíficos, que ten tocado con brillantez todo tipo de xéneros, dende a novela negra á crítica literaria pasando polo teatro e obviamente pola poesía, o seu máis cultivado, con máis de 25 títulos no seu haber.
Manuel Forcadela, que en realidade se chama Manuel Santiago Fernández Álvarez, naceu na parroquia de Forcadela, Tomiño, en 1958. Estudou filoloxía na Universidade de Santiago, onde se doutorou en 1992 cunha tese sobre a poesía de Eduardo Pondal, na que está considerado como un dos máximos especialistas. Traballou como profesor invitado no Graduate Center da Universidade da Cidade de Nova York, e na actualidade é profesor de ensino medio en Vigo, aínda que tamén dá clases na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Dende a súa mocidade dedicouse ao xénero poético, configurando a súa voz como unha das máis representativas da poesía dos anos oitenta, e figurando xa cos seus primeiros títulos nas principais antoloxías da época. O seu primeiro libro foi Ferida acústica de río, premio Celso Emilio Ferreiro de 1981, ao que seguiron O regreso das ninfas (1985) e particularmente O varredor de outono, de 1987, que recibiu o premio Leliadoura en 1987 e que o consagrou como voz no panorama galego. Nesa época centrouse no traballo de crítica literaria, cun título sobre Pondal, A harpa e a terra (Unha visión da poesía lírica de Eduardo Pondal), de 1988, e unha edición anotada da obra completa do poeta bergantiñán no mesmo ano.
Os anos noventa foron os da eclosión. Dunha banda, deu ao prelo distintas obras narrativas, de todos os xéneros e extensións, dende a inaugural Sangue sobre a neve, de 1990, onde explora por primeira vez os campos da novela negra, ata A armada invencible, de 1996, onde coa base dunha historia romántica traza un relato cómico e case esperpéntico. Por outra, escribía os poemarios Nausícaa e Profecía, ambos publicados en 1992, e centrábase na produción crítica publicando o corolario da súa tese sobre Pondal, así como unha guía de lectura d'A esmorga (1991), un manual e escolma de Nova Narrativa (1993) e unha guía de lectura de Á lus do candil, de Ánxel Fole (1994), obras estas tres orientadas ao público de ensino secundario. Pero ao mesmo tempo creaba a web O ximnasio do Academo, nos comezos da internet comercial en Galicia, que se situou axiña como a referencia da literatura galega na rede.
A década seguinte, con todo, foi a do regreso á poesía. Obras como Morte do fadista, que acadou o premio Espiral Maior en 2000, ou Refutación da musa que recibiu o premio Aula de Poesía de Barcelona e o premio da Asociación Española de Críticos Literarios en 2001, son xa clásicos da poesía galega do século XX. Iso non impediu que seguise a traxectoria como crítico literario, cun libro sobre Os Eoas, o poema épico póstumo de Pondal, e con Diálogos na néboa (2005), a súa obra máis elaborada e onde analiza as relacións entre Cunqueiro e Ramón Piñeiro na configuración do sistema galego contemporáneo, e que recibiu o III Premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve. Nos últimos anos, botado xa o cadeado sobre o Ximnasio do Academo, realizou producións de vídeo con base literaria, como unha obra centrada en María Mariño (A flor das raparigas en sombra) en 2007 e Cólera, unha videocreación inspirada no libro de poemas homónimo de María Xosé Queizán (2007).
Outras obras:
Barato, barato, 1991 (novela negra)
Paisaxe con muller e barco, 1992 (novela, premio García Barros en 1990)
Contos interruptus, 1993 (narrativa)
Fóra de xogo, 1993 (novela negra)
Anxélica, 1994 (conto)
A equipaxe do azar, 1994 (narrativa)
A poesía galega de posguerra, 1997 (ensaio)
Lámpada e medusa, 2002, (poesía, premio Esquío)
A procura do falso Grial, 2005, (narrativa)
A vida sexual das gaivotas, 2005 (videocreación, inédita)