Ilustrador e deseñador
Desenvolve o seu traballo nos campos da ilustración, o deseño gráfico e a pintura. Salientan as ilustracións para obras de literatura infantil e xuvenil escritas por Ana María Fernández ou Gloria Sánchez ou a súa colaboración coa escrita de Xabier P. DoCampo.Naceu en Logrosa-Negreira (A Coruña) no ano 1953. É ilustrador e deseñador gráfico, traballo este último que desenvolve desde o ano 1991 na Deputación da Coruña.
Mantivo desde ben novo unha grande afección polo debuxo e a pintura. No ano 1977 tivo a súa primeira exposición individual de pintura na Coruña e de seguido comezou unha andaina por galerías e certames de artes plásticas, en cidades galegas e españolas.
A partir dos anos 80 compaxina a pintura co deseño gráfico e a ilustración, tanto en libros coma na prensa diaria.
É a partir de 1988 cando centra a súa actividade de ilustrador no campo do libro infantil e xuvenil: ilustra textos de autores galegos e españois en editoriais de aquí e nalgunha de fóra. Entre a literatura infantil e xuvenil e libros para adultos, leva ilustrado arredor dun cento. Revistas especializadas na LIX como CLIJ, Fadamorgana ou Peonza téñense interesado pola súa obra. Fai tamén incursións no mundo da banda deseñada a través da revista Golfiño onde, xunto co autor Xabier P. Docampo, publicou un traballo secuenciado en catro números.
Entre os premios e galardóns que recibiu destacan o Premio F.T.E.N. ao mellor libro de teatro ilustrado en España no ano 2002; o Premio Lecturas na súa cuarta edición no ano 2003, ao ilustrador máis votado polos lectores e lectoras das Bibliotecas galegas, entre toda a produción editorial do ano. Obtivo tamén o Premio Gourmand World Cookbook Awards 2004 ao mellor libro do mundo de Literatura Gastronómica en Lingua Española. Nos anos 2003 e 2005 traballos seus foron seleccionados para a White Ravens da Biblioteca Internacional de Munich.
Algunhas das exposicións en que participou
Galicia Solidariedade (GALIX – Xunta de Galicia). Itinerante Galicia.
As cores do vento. Xunta de Galicia. Itinerante Galicia.
Tercer Centenario de Caperucita Roja. OEPLI (Madrid). Itinerante España.
El Ratoncito Pérez. OEPLI (Madrid). Itinerante España.
Salón do Cómic de A Coruña.
Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia. Anos 2001, 2002 ,2003 e 2004.
Bienal Internacional de Bratislava. Anos 2003 e 2007
Exposición de Ilustración Infantil e Xuvenil española contemporánea en Bolzano, Roma, Nápoles, Venecia, Florencia e Cagliari. Anos 2004-2005.
Exposición de Ilustrísimos en Bolonia. Ano 2005.
Exposición Vaidemar, Gálix-Xunta de Galicia. Valencia, Bretaña, Santiago de Compostela, Cambre e Pontevedra
A Fraga Ilustrada. 23 imaxes para O bosque animado. AGPI. 2007-2008. Biblioteca M. Central de Cambre
Selección de libros de literatura infantil e xuvenil que ilustrou
Amar e outros verbos. Ana María Fernández. Editorial Everest, 2001. Premio Lazarillo 2001
Cuentos populares españoles de Almodóvar. (Coilustrado). Anaya, 2002
¿Onde van as volvoretas no inverno? Gloria Sánchez. Editorial Everest, 2002
A casa da luz. Xabier P. Docampo. Editorial Anaya, 2002
Paseniño, paseniño. Antonio García Teijeiro. Editorial Everest, 2003
Bolboretas. Xabier P. Docampo. Editorial Everest, 2004.Lista White Ravens 2005
A decisión de Valerio. Xabier P. Docampo. Edicións Bromera, 2005.
De cores e de amores. Xabier P. Docampo. Editorial Galaxia, 2005.
Gallego a la orilla del mar. Juan Farias. Fondo de Cultura Económica (México), 2006.
Botella ao mar. Marilar Aleixandre. Amigos do Museo BB. AA. da Coruña, 2007
A pequena gardiana. Fina Casalderrey. Amigos do Museo BB. AA. da Coruña, 2007
Mariña surrealista. Yolanda Castaño. Amigos do Museo BB. AA. da Coruña, 2007
Chega un Baixel. Suso de Toro. Amigos do Museo BB. AA. da Coruña, 2007