
Narrador, articulista e tradutor
O autor ourensán aporta unha perspectiva xenuína da realidade, polo fino humor con que presenta circunstancias en aparencia anódinas que agochan, no seu envés, unha experiencia descarnada da existencia. Fracasos, frustracións e finais desacougantes para os outsiders do politicamente correcto, para os protagonistas das súas obras.
Bieito Iglesias é licenciado en Xeografía e Historia e traballa como profesor de Lingua e Literatura Galega. Actualmente, é catedrático destas áreas nun instituto de secundaria compostelán.
Aínda que algunhas mostras poéticas do autor apareceron ocasionalmente na revista Dorna, é narrativa o que publica case de maneira exclusiva. En 1988 deuse a coñecer ao gañar o Certame de Narracións Curtas Modesto R. Figueiredo, co relato “Luanda”. Continúa o seu labor literario con este xénero e así aparece, en 1991, Aventura en Nassau, inscrito na literatura erótica. Nos sete relatos que constitúen o libro, Bieito Iglesias analiza os personaxes, aos que vai presentando cun toque esperpéntico a partir das experiencias sexuais que o lector vai presenciando.
Un ano despois publica Vento de seda, que fora escrita con anterioridade á aparición da primeira obra e que segue a chamar a atención da crítica e dos lectores. Esta novela abala entre as memorias de xuventude e o retrato xeracional. Foi interpretada como a crónica dun fracaso, narrada cunha prosa sobria pero coidada. Con Miss Ourense (1999) regresa aos relatos, esta vez de corte policial. As narracións contextualízanse no Ourense dos últimos anos sesenta, onde o protagonista, o inspector Gumersindo Nespereira, é desprazado con refinado humor polas rúas dunha cidade só aparentemente tranquila. Por baixo da suposta calma, laten tesituras propias de novela negra pero ben adaptadas á realidade galega. A predilección polos personaxes marxinais e unha certa nostalxia son tendencias reiteradas na obra do autor ourensán.
O mellor francés de Barcelona (1999), co que gañou o Premio da Crítica Galega, volve ser libro de relatos, dez creacións nas que fala da necesidade habitual de escapar dun mesmo e do cotiá, de estar no corpo e na vida doutro. Mediante estes relatos, empregando este punto de partida nada feliz, ofrece unha visión irónica e humorística da Galicia contemporánea.
Por outra banda, Bajo las más bellas estrellas, escrita en castelán, gaña o Premio de Novela Ciudad de Salamanca no 2000. A noite das cabras do aire (1999) é novela adicada a nenos e a mozos. Nela recrea o universo fantástico popular galego e con ela obtén o Premio Merlín de literatura infantil e xuvenil.
A historia escríbese de noite é a novela que, tamén no 2000, consegue o Premio Manuel García Barros, pero é A vida apoteósica (2001) a obra de Bieito Iglesias considerada máis irreverente. A acción desenvólvese a noite do 24 de xullo e co devir da historia vaise expondo un retrato satírico da sociedade compostelá das últimas décadas. Mantendo o seu estilo, de lingua rica e enxebre, dáse un cambio de rexistro: menos nostalxia e máis mordacidade é o que agora propón o autor.
Reaparece no 2004 con Amor e música lixeira, libro de relatos no que as situacións aparentemente liviás agochan un sabor amargo de frustración, de insatisfacción. De estilo directo, os relatos presentan experiencias crúas engalanadas cun humor, co que se pretende atopar a forza para resistir o que queda de vida.
Bieito Iglesias, ademais de traducir xunto con Manuel Vázquez entre 1995 e 1997 novelas e relatos de Arthur Conan Doyle, reunidos na Biblioteca Sherlock Holmes de Galaxia, achegou á prosas xornalísticas que decorren á beira do discurso ensaístico, como Barcos a pique, Premio Blanco Torres de Xornalismo 2005. De feito, Bieito Iglesias xa traballara coa linguaxe xornalística colaborando habitualmente en distintos medios: foi columnista de A Nosa Terra e de La Voz de Galicia, publica en Grial e na revista Tempos Novos.
Ademais, creacións do autor foron incluídas en proxectos colectivos: Antoloxía do conto galego de medo, Berra liberdade, Catro ensaios sobre o nacionalismo de esquerda ou Materia prima son algúns exemplos.