Autores

Raúl Dans Mayor

1964, A Coruña

Autor dramático, guionista e actor

Raúl Dans é o autor dramático máis representativo da xeración dos 90, é dicir, a daqueles que escribiron as súas pezas para un sistema teatral maduro e institucionalizado. Porén, as carencias dese sistema condicionaron a súa produción ata o punto de que a súa obra máis importante, Lugar, tardou cinco anos en poñerse en riba dos escenarios.

Raúl Dans Mayor, nado na Coruña en 1964, é actor, actor de dobraxe, autor dramático e guionista de cinema e televisión. Comezou como escritor para Radio Nacional e Radio Cadena Española, ao tempo que iniciaba a actividade teatral como actor nos grupos coruñeses Tespis e na Compañía Luís Seoane, e chegou a protagonizar O mozo que chegou de lonxe, unha obra do irlandés John Millington Synge que levou a escena en 1988 o Centro Dramático Galego, só cinco anos despois de que se crease esta compañía.

Boa parte da vida profesional de Raúl Dans está relacionada, ben coa actividade teatral da época da normalización, ben coa actividade audiovisual, que tivo a partir de 1985 á Televisión de Galicia como principal motor. Este factor, co que coinciden outros dramaturgos da época, como Cándido Pazó ou Quico Cadaval, marca unha fronteira importante cos autores da promoción Abrente, que sempre tiveron no teatro o piar central das actividades. No cine, ademais de traballar como actor de dobraxe, Raúl Dans escribiu a longametraxe Fragmentos dun amor e mais catro curtas entre 1996 e 1997, pero é no ámbito televisivo onde máis ten colaborado, realizando toda clase de labores de escrita (ideas orixinais, biblias, argumentos, diálogos...) para series de éxito como Pratos combinados (1995), Mareas vivas (1998), Terra de Miranda (2001), Avenida de América (2001), As leis de Celavella (2003), A miña sogra e mais eu (2004) ou A vida por diante (2006).

Porén, e a diferencia deses seus compañeiros de promoción, a madurez de Dans céntrase na produción escrita e non na interpretación, na dirección ou en xéneros mixtos, como os de contacontos, que si practican Pazó ou Cadaval. É, dalgún xeito, un autor teatral máis ao xeito clásico, que fixo a súa primeira incursión na escrita dramática con Sopa de letras, estreada en 1988 pola compañia Salamántiga, e que continuou con Waterlook, publicada na revista Ólisbos en 1990. Porén deuse a coñecer fundamentalmente con Matalobos, que obtivo o premio Rafael Dieste de Literatura Dramática, promovido pola Deputación da Coruña no ano 1993, e que foi estreada pola Aula de teatro da Universidade de Santiago en 1994.

Nese mesmo 1994 recibiu o premio Álvaro Cunqueiro promovido pola Xunta de Galicia por Lugar, aínda que non foi estreada ata 1999 polo CDG. Estruturalmente complexa, con abondosos saltos espaciais e temporais, o núcleo argumental da obra xira arredor do fracaso vital de dous homes, un triunfador e outro perdedor, co pano de fondo da construción dun encoro que asolaga unha vila chamada Lugar. Continuou Dans a súa traxectoria de premios con Estrema, finalista do premio Rafael Dieste de 1998, onde indaga nas relacións entre o urbano e o rural, dualidade que se plasma metaforicamente en tamén dous personaxes chamados simplemente Home esquerda e Home dereita.

Este simbolismo dos personaxes, que dilúen as súas características físicas ao máximo para denotarse unicamente coa forza do diálogo faise presente tamén en Derrota, peza publicada en 1999 e que gañara do Premi Born de Teatre en 1997. Apareceron tamén en 1999 Cita co diaño, gañadora do premio Cidade de San Sebastián en 1995, e O Paso. No 2000 publicouse Foreber, como separata da revista Galega de Teatro. Esta peza caracterízase, ó igual que moitas das súas obras anteriores, por ter un reducido numero de personaxes e por investigar na condición humana, desta vez cun forte sentimento de opresión e encerro. No mesmo ano 2000 apareceu tamén na revista Casahamlet un texto moi breve Algo gracioso, onde o autor fai unha parodia galeguizada e contemporaneizada de Hamlet. En 2004 publicou Confesións dun practicante, onde reflexiona sobre a vida teatral ao longo dunha serie de pequenas anotacións fragmentarias, pedazos de memorias, pequenos ensaios e anacos de guións.

Outras obras:

Algunhas preguntas sobre o teatro en Galicia hoxe, 2000 (ensaio)

A chamada, 2002 (teatro)

Mantis (a misión), 2002 (teatro)


Imprimir



Libros de Raúl Dans na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |