
Narrador, ensaísta, editor
Xornalista, docente, investigador, editor, tradutor... Víctor Fernández Freixanes é un dos máis prolíficos “homes da cultura galega”: a súa actividade nos distintos estratos do mundo cultural galego, da creación á, incluso, xestión, resulta imprescindible á hora de facer unha análise do desenvolvemento do mesmo ao longo das últimas décadas. A súa novela O triángulo inscrito na circunferencia marca un antes e un despois na narrativa galega.
Víctor Fernández Freixanes licénciase en Filosofía e Letras e doutórase en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Tamén realiza estudios de Xeografía e Historia e de Xornalismo. Ademais, conta coa Cátedra de Bacharelato de Lingua e Literatura Galega (en excedencia).
A súa actividade profesional desenvólvese dende moi novo nos ámbitos do
xornalismo, da literatura e da edición. Como xornalista traballa en case tódolos medios (Cadena Ser, El Correo Gallego, Cadena Cope, son só algúns exemplos). Tras unha breve estancia en Madrid, onde se matricula en Xornalismo e pasa a colaborar en distintos xornais, destacando a súa tarefa no Informaciones durante 1974, regresa a Galicia. Xa aquí é cofundador da revista Teima, en 1976.
Neste tempo, entre 1975 e 1980, traballa como redactor e director no departamento de actividades culturais de Radio Popular de Vigo, ocupándose dos comentarios políticos e de opinión ata 1988. Por aquelas datas, tamén desenvolve a docencia como profesor colaborador do Instituto de Ciencias da Educación (ICE), dependente da Universidade de Santiago. En televisión, nos anos 86 e 87, é director do programa da TVG A trabe de Ouro. Mantén, xa con antigüidade, unha columna fixa no xornal La Voz de Galicia, "Mar de fóra".
A partir de 1988 centra a súa actividade profesional no mundo editorial, e pasa a dirixir as Edicións Xerais entre os anos 1989 e 1993. Alí crea a colección de xornalismo "Crónica". Posteriormente, do 94 ao 98 é simultaneamente Director Xeral de Alianza Editorial, onde fai nacer "Alianza Actualidad", e Director Xeral de Publicacións do Grupo Anaya. Máis tarde pasa a ser asesor deste grupo editorial e membro do patronato executivo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Dende 1992 é Director Xeral da Editorial Galaxia, exercendo actualmente, tamén, a docencia na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago, onde disfruta da Cátedra. Ademais, cumpre as funcións de codirector da revista Grial e ocupa unha cadeira na Real Academia Galega dende 2002. Por outra banda, é membro da Ponencia de Comunicación e da Ponencia de Galicia Exterior do Consello da Cultura Galega. Entre 1983 e 1995 pertenceu tamén ao seu
Consello Plenario, onde crea e dirixe a Ponencia de Sociolingüística.
En 1976 sae do prelo o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos, libro no que entrevista a doce persoeiros da terra. Catro anos despois publica Manuel González Fresco. Memoria dun fuxido, texto que resulta finalista do Premio Internacional da Prensa, celebrado en Niza. Ese mesmo ano gaña o Modesto R. Figueiredo de narración curta con A caza de cascudas. Pero é a súa primeira novela, O triángulo inscrito na circunferencia (1982), gañadora do Premio Blanco-Amor, do Premio da Crítica Española e do Premio da Crítica de Galicia, coa que se consagra no mundo das letras galegas. Empregando unha metáfora, a epopea que é a vida dos mariñeiros galegos, expón os momentos máis transcendentais no devir histórico de Galiza.
Con posterioridade publicará O enxoval da noiva (1988), recreada no universo renacentista, e A cidade dos césares (1993), Premio de Narrativa Gonzalo Torrente Ballester que nos traslada á Patagonia do século XVIII, concretamente ao espazo ocupado por unha colonia de galegos. No ano 2001 coordina o ensaio colectivo Galicia, unha luz no Atlántico.
Como investigador céntrase no estudo das institucións de comunicación e nas formas de organización empresarial dos procesos culturais, focalizando no caso concreto de Galiza. Así, publica artigos como "O disco e o cine. A cultura e os medios de comunicación de masas" (1980), "Lingua, poder e comunicación en Galicia" (1981) ou "O perfil do xornalista na sociedade dixital. Apuntes para entender unha nova realidade" (1999), entre outros.
O labor de Víctor F. Freixanes no eido da literatura destaca, nos últimos anos, por unha intensa actividade editorial, sobre todo na súa vertente empresarial.