Autores

Xesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez

1916, A Habana - 1978, Madrid

Poeta, xornalista

A produción literaria de Lorenzo Varela no exilio non chegou nos máis dos casos a Galicia. Exiliado en México e Arxentina e obrigado a fuxir de dúas ditaduras, o poeta non obtivo en vida o recoñecemento ao seu compromiso político e cultural coas causas galeguista e republicana. Deixou unha importante obra como poeta, crítico, xornalista e tradutor en galego e en castelán.

Lorenzo Varela nace a bordo do vapor La Navarre en chegando ao peirao da Habana, destino da longa travesía que os seus pais iniciaran en Vigo tras abandonar Monterroso na procura dunha vida mellor. Mais a aventura cubana só durará catro meses e, de volta en Galicia, o pequeno Lorenzo aprende o galego. Tres anos despois, os tres embárcanse nunha nova aventura camiño de Bos Aires.

En 1931, o mozo Varela volve a Galicia na compaña da súa nai e os dous se instalan en Lugo. Alí, Lorenzo estuda bacharelato e funda o Ateneo Popular. Nestes anos coñece a Ánxel Fole, con quen manterá unha fonda amizade. No 32 intégrase nas filas do nacionalismo e, xunto a nomes como Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro e Carvalho Calero, participa na creación das Mocedades Galeguistas, ocupando un cargo directivo. O grupo radicalizará os seus posicionamentos até declararse “arredista”. Con todo, Lorenzo Varela será expulsado ao pouco tempo por se afiliar a unha agrupación trotskista.

A presión policial sobre o grupo trotskista é severa. En 1934 marcha a Madrid para abeirarse da represión e estudar Filosofía e Letras. Alí móvese nos círculos trotskistas e contacta co grupo PAN (Poetas Andantes e Navegantes). Participa nas tertulias de Gómez de la Serna e nas de La Granja del Henar; mantén relación con Pablo Neruda, Maruja Mallo e Rafael Dieste, entre outros; e coñece a artistas novos como Granell, Laxeiro, Maside e Colmeiro. Exerce como crítico literario no xornal El Sol, o máis prestixioso do momento, e participa nas Misións Pedagóxicas. Tamén escribe o libro de poemas Diario dun fauno, que nunca chegará ao prelo porque o propio Varela o xulga carente de calidade e remata por destruílo.

No inicio da guerra únese ás milicias republicanas, abandona o trotskismo e ingresa no Partido Comunista. Participa activamente na Asociación de Escritores Antifascistas e publica artigos e poemas en revistas como Hora de España, El Mono Azul, Ahora ou Milicia Popular. Rematado o conflito armado, Varela atravesa os Pirineos e fica durante uns meses no campo de refuxiados de Saint Cyprien, até que decide embarcar rumbo a México xunto a Sánchez Barbudo. Alí agárdaos Octavio Paz, que os convida a participar na súa revista Taller. Grazas a isto, Varela recupera a súa actividade xornalística. Con Sánchez Barbudo crea a revista Romance, que gañará boa sona en Latinoamérica, pero conflitos internos na organización da revista motivarán a súa saída da mesma e a entrada dun novo equipo directivo que publicará agravios contra Varela. En resposta, este publica o libro de escarnio Elegías españolas (1940), o que desata unha guerra literaria.

En 1941 volve a Bos Aires, onde se reencontra co seu pai e con intelectuais amigos como Dieste ou Luís Seoane. Aquí recuperará a actividade política e exercerá como crítico de arte e tradutor do portugués. Colabora coa revista Sur e publica a obra poética Torres de amor (1942). Nese mesmo ano funda a revista De Mar a Mar e un ano máis tarde entrará a dirixir Correo Literario con Seoane e Arturo Cuadrado.

Estrea a súa produción en galego en 1944 con Catro poemas para catro gravados, publicado no álbum de Luís Seoane María Pita e tres retratos máis. Trátase de catro poemas épicos que anticipan a poesía civil que despois agromará en Galicia con Celso Emilio Ferreiro. Poesía rebelde, de resistencia, recreadora de mitos combativos como María Pita, Roi Xordo ou María Balteira. Á par da creación lírica, continuará co seu labor xornalístico e escribe varios ensaios sobre arte e contos que nunca chegarán á imprenta. Xa en 1954 publica Lonxe, poesía sobre a guerra e o exilio.

O golpe de estado de Videla en 1976 forza a Varela a un segundo exilio e remata en Madrid. A axuda de Isaac Díaz Pardo e de Ramón de Valenzuela foi esencial nesta nova etapa, inzada de dificultades. Refuxiado na galería Sargadelos, continúa dedicándose á tradución. Aínda en 1976, o poeta regresa a Galicia e intégrase en diversos proxectos culturais. Porén, non atopa o recoñecemento merecido ao seu labor cultural no exilio e trasládase de novo a Madrid, onde falece en 1978.


Imprimir



Libros de Lorenzo Varela

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |