Autores

Cándido Pazó González

1960, San Paio de Navia (Vigo)

Dramaturgo, actor, contacontos

Cándido Pazó é un dos actores e contacontos máis coñecidos de Galicia, pero ao mesmo tempo tamén é un autor teatral dunha dilatada traxectoria, e que ten experimentado ao longo da súa vida con diferentes facetas dentro das artes escénicas. A súa obra máis coñecida é Raíñas de pedra.

Cándido Pazó González naceu en 1960 en San Paio de Navia, unha parroquia semirrural de Vigo. Xa en 1975 comeza o seu traballo como actor, cando aínda é un mozo, e incorpórase á compañía viguesa A Farándula, coa que realiza diversas montaxes ata a súa disolución en 1983, e coa que participa na creación do texto dalgunhas montaxes. Para daquela xa acudira a distintas edicións do festival de teatro de Ribadavia, onde tomou contacto coa promoción Abrente, e iniciaba a súa colaboración coas compañías e institucións do sector teatral, que naqueles primeiros anos da autonomía comezaba a coller forma. Así, traballou como actor nalgunhas montaxes do CDG, así como de axudante de dirección tanto en teatro como en cine ata que en 1989 dirixe da súa man a montaxe de O melro branco, peza de teatro infantil coa que ademais facía a súa estrea como dramaturgo, e que no seu momento recibiu o premio Xeración Nós.

A partir de entón escribe, dirixe ou fai adaptacións para varias compañías, especialmente a súa, Ollomoltranvía, e realiza con ela montaxes coma Commedia, un xoguete para Goldoni, que resultou un dos maiores éxitos da escena galega contemporánea. A montaxe, baseada nun canovacio da commedia dell'arte, non é unha creación unicamente del, pero con ela ensaia unha das características do seu teatro posterior: a mestura de mitos, personaxes e liñas narrativas coñecidas, onde o que menos importancia ten é o argumento en si, sobrepasado pola actuación, a precisión no diálogo e o propósito da idea final. O exemplo máis destacado desa liña quizais sexa O rei nu (1995), escrito en colaboración con Quico Cadaval, e onde ensambla distintos argumentos de contos tradicionais sobre o esquema xeral do Traxe novo do emperador, ou Nau de amores (1995), onde integra distintos argumentos de pezas de Gil Vicente.

Xa antes, en 1991, escribira Raíñas de pedra, unha obra de carácter histórico baseada na vida da dama galega do XIV, Inés de Castro, e que rompe co marco común do teatro histórico que se practicara ata daquela: non busca a exaltación dun mito do pasado nacional con fins políticos, senón que queda apenas coa dramática historia dunha amante de rei que só chegou a ser raíña portuguesa logo de morta. Na segunda metade da década dos noventa, Pazó comeza a dedicarse fundamentalmente á actividade de narrador oral, coincidindo cun boom desta actividade tanto en Galicia como no exterior. Parte desa experiencia cristaliza en pezas como O bululú do linier, de 1998 (premio María Casares ao mellor texto orixinal), onde un só personaxe, nun monólogo que oscila entre o tráxico e o cómico, sostén a obra; Nano (1998), un monólogo baseado na novela Tic-Tac de Suso de Toro, ÑikiÑake (2002, premio Max ao mellor texto orixinal en galego), Binomio de Newton (2003, finalista do Max), ou García (2006, premio María Casares ao mellor texto orixinal e finalista do Max). Con A piragua abre un novo camiño: unha obra social, que aborda o tema da violencia doméstica, e onde interveñen varios personaxes non vencellados por unha trama ou tramas coñecidas comúns. Iso si, non abandona a mestura do tráxico co cómico, e ata o duro argumento da violencia chega dende a anécdota dun veciño gardar unha piragua nunha praza de garaxe.

A súa relación co teatro non remata na faciana da dramaturxia. Ademais de traducir máis dunha ducia de obras para a súa posta en escena (de Dario Fo a Bertold Brecht), dirixiu pezas de actores e de monicreques para as compañías Malbarate, Xalgarete, Tanxarina, Noroeste, Atlántico, Talía ou Adro, ademais de para o Centro Dramático Galego. Ocupou diversos cargos na Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia (na actualidade o de presidente), e forma parte da comisión técnica de teatro do Consello da Cultura Galega, por exemplo. Tamén traballou para o cine como guionista ocasional, pero sobre todo para a televisión, participando nos guións de series de éxito como A familia Pita, Pratos combinados ou Mareas vivas.

Outras obras:

A mostra, 1991

Monstros de risa, 1994 (para monicreques)

Miedo escénico, 2001 (en castelán, en colaboración)

Bicos con lingua, 2004' (en colaboración)


Imprimir



Libros de Cándido Pazó

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |