Autores

María Pilar Jiménez Aleixandre

1947, Madrid

Narradora, poeta

En paralelo á produción didáctica da Marilar bióloga, a escritora, cunha longa traxectoria na narrativa, sobre todo da xuvenil e infantil, e con incursións na poesía e na tradución é unha das autoras máis recoñecidas da literatura galega dos anos noventa. Nacida en Madrid, elixiu o galego como lingua para vivir e para crear historias nas que son habituais as traizóns e as ansias de superación persoal e os procesos de madurez dos seus protagonistas.
Madrileña de nacemento (1947), Marilar Aleixandre é galega dende que recalou en Vigo en 1973, logo de pasar por Ceuta e Doña Mencía (Córdoba). É doutora en Bioloxía e catedrática de Ciencias Naturais no ensino medio e, dende o ano 1988, exerce como profesora de Didáctica de Ciencias e Educación Ambiental na Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela, actividade recoñecida nalgúns dos premios de investigación que obtivo cos seus artigos sobre a ensinanza das ciencias e que compaxina tamén co exercicio dunha escrita para a que adoptou o galego como como lingua literaria. Aínda que empezou cedo, escribindo relatos sobre vampiros na facultade (o conto Agardando polos morcegos, publicado en Antoloxía do conto galego de medo -1996- xermolara naqueles anos), non publicou nada ata A formiga coxa (1989), finalista do Premio Merlín en 1987 e sucesora dunha narrativa infantil que xa abordara en O rescate do peneireiro (1990), que obtivera o mesmo recoñecemento en 1986. O éxito de crítica e lectores chegoulle con Tránsito dos gramáticos (1993) como finalista do Premio Xerais de Novela en 1992 e continuou, á par cós premios, en novos títulos de narrativa, tanto para adultos como xunenil e infantil. Sucedéronse así Nogard (1994); A expedición do Pacífico (premios Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil, en 1994, e da Crítica de Galicia, en 1995); O trasno de Alqueidón (Premio Rañolas 1996 e finalista do Nacional de Literatura Infantil no mesmo ano); Lobos nas illas (1996); A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa 1998); O monstro da chuvia (1998); O chápiro verde (1999); Lapadoiras, Sacaúntos e Cocón (1999); A banda sen futuro (premios Lazarillo de Literatura Xuvenil en 1999 e Lecturas de Literatura Xuvenil en 2001); Unha presa de terra (2001), Paxaros de papel (2001); Teoría do caos (premios Xerais de novela, en 2001, e San Clemente, en 2002), Belisa e a princesa sapiño (2002), O monstro da chuvia (2003), Rúa Carbón (2005) e A vaca de Fisterra e a trabe de alcatrán (2005). No eido da poética, xénero ao que tamén a vencella a súa pertenza ao Batallón Literario da Costa da Morte e ao consello editorial de Letras da Cal, ten publicadas as obras Catálogo de velenos (Premio Esquío de Poesía en Lingua Galega en 1998), Desmentindo a primavera (2003) e Abecedario de árbores (2006), ademais de numerosas contribucións en volumes e catálogos colectivos. Algúns outros tamén recollen colaboracións de narrativa, teatro, banda deseñada (guións)... Tamén é da súa autoría Castelao segundo Rañolas. Vida e obra de Castelao (2000), na que botou man dalgúns dos personaxes do propio biografiado para enfiar Castelao segundo Rañolas. Vida e obra de Castelao (2000). A relación de Marilar Aleixandre coa tradución é recíproca: boa parte da súa produción pódese ler nas diferentes linguas da península ao tempo que, grazas ao seu labor, temos en galego, dende o inglés, Babaiaga (2002), de Tai-Marc le Thanh; o poemario Muller ceiba (1997), de Sandra Cisneros; Harry Potter e a pedra filosofal (2001), de J. K. Rowling, e A caza do carbairán (1996), de Lewis Carroll (1996), que a situou na lista de honra de traducións da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) en 1997. Dorna, Grial, Luzes de Galiza, Tempos Novos, Festa da Palabra Silenciada... son só algunhas das moitas publicacións coas que ten colaborado.

Imprimir



Libros de Marilar Aleixandre

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |