Autores

Anxos Sumai


Libros relacionados:

Novas relacionadas:

Datas relacionadas:

  • 21 XUL III Premio de narrativa breve Repsol YPF máis

Anxos Sumai

1960, Catoira

Narradora, tradutora e documentalista

Anxos Sumai é quen de elevar o máis íntimo do cotián á categoría de universal, empregando simplemente a súa ollada singular. Anxos abre os camiños do pequeno e do que aparentemente nace sen aura para emprestarlle a dela: coa sección electrónica Anxos da garda iniciou a traxectoria que a levaría a publicar en papel un dos diarios máis seguidos do ámbito cultural.

Anxos Sumai é licenciada en Historia e traballa como documentalista no Consello da Cultura Galega. No portal cultural da institución (culturagalega.org) participou durante dous anos e medio coas súas creacións literarias na sección Anxos da garda, algo así como un diario ficcional co que saltou á fama e no que publicaba as súas vivencias e reflexións íntimas cunha patente calidade literaria. Aínda que non se trataba exactamente dun blog, por non ser interactivo, con esta experiencia evidenciou a existencia de novos camiños para a literatura a través de internet. A partir dos escritos recollidos entre setembro de 2002 e abril do ano seguinte, e mantendo o nome da sección como título da obra, publica no 2003 o seu primeiro libro. Cun estilo que foi definido como fresco, espontáneo, próximo e entusiasta, e que agocha con habilidade as estrías latentes da realidade percibida pola autora.

No 2005 regresa con Melodía de días usados. A liña creativa seguida pola autora nesta segunda publicación mantense no camiño iniciado con Anxos da garda. Nela, narra situacións cotiás en Compostela e que son revestidas da melodía literaria precisa para crear un libro a partir dun diario electrónico: a música é un elemento vertebrador. É dicir, as tesituras máis persoais, máis miúdas, son relatadas de xeito que se conecta coa universalidade dalgúns acontecementos ou sensacións. O reflexo entre a autora e o lector supón unha chiscadela confortable.

Recentemente gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve, co texto titulado Así nacen as baleas. Estes mamíferos son tomados na obra coa alusión á súa vertente puramente mitolóxica, que non é nova na literatura galega. A imaxe da que se parte é o remate dun xantar e o sono posterior. A partir dela, Anxos Sumai constrúe a trama: unha nai que alimenta, un pai embarcado e o bebé que come parafusos. Segundo a autora, a creación rexeuse por un proceso puramente instintivo.

Tamén neste 2007 a novelista estreouse como dramaturga, achegando un texto á obra Emigrados, representada polo Teatro de Ningures. A participación de Anxos Sumai, xunto coa de Cándido Pazó, Xosé Manuel Pazos, Suso de Toro e Sonia Torre, compoñen o soporte textual desta montaxe dirixida por Etelvino Vázquez. A emigración é o eixe temático dos textos ofrecidos polos distintos autores.

Ademais, en marzo de 2007 recibiu o premio de Xornalismo Literario e de Opinión Blanco Torres polo espazo “Somos perigosamente normais”, emitido semanalmente no Diario Cultural da Radio Galega durante o 2006. Nel, a autora facía mostra da sensibilidade coa que realiza unha observación e interpretación da realidade caracterizada polo espírito crítico e, sobre todo, pola súa singularidade.

A escritora xa fora galardoada con anterioridade: recibira o Premio Novos Valores da Narrativa Galega en 1985. Un ano despois conseguiu o segundo Premio de Narracións Curtas Modesto R. Figueiredo do Pedrón de Ouro. E, xa no 2004, foi recoñecida co Premio da Crítica de Galicia.

Anxos Sumai tamén realizou labor de tradición. Entre os traballos que verteu ao galego salientan Os Diarios de Syra Alonso e as memorias escritas dende Arxentina de Mariví Villaverde, Tres tempos e a esperanza, ou as de Mario de Langullo, guerrilleiro antifranquista.

A autora estivo ligada de nova a proxectos de banda deseñada como Das Kapital ou Valium 10. Nelas encargábase de facer guións, moitos deles aínda inéditos, con Fausto Isorna como ilustrador.


Imprimir



Libros de Anxos Sumai

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |