Autores

Xesús Miguel de Toro Santos

1956, Santiago de Compostela

Narrador, ensaísta

Suso de Toro leva máis de vinte obras publicadas e conta cun significativo recoñecemento sobre todo pola seu labor como novelista. Os seus ensaios e novelas contan con tradución a varias linguas. Salienta na súa escrita o emprego do humor nas análises da realidade contemporánea e a achega fragmentaria. É tamén colaborador habitual nos medios.

Xesús Miguel de Toro é licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. Exerceu como guionista e colabora con distintos medios de comunicación escritos, como El País, e radiofónicos. De feito, parte da súa obra é xornalística. Así, en 1991 publica Camilo Nogueira e outras voces: unha memoria da esquerda nacionalista e a recompilación de artigos F.M.

En narrativa comezara con anterioridade: en 1981 obtén un accésit do Premio Modesto R. Figueiredo co relato “De 10 a 11”, que pertencerá a Caixón desastre, o seu primeiro libro, co que consegue ao ano seguinte o Premio Galicia. Nel mostra xa ter dominada a técnica literaria e un afiado sentido do humor. Toda a súa obra está traspasada pola hilaridade coa que é quen de propor profundas reflexións sobre o mundo contemporáneo, e en particular sobre Galicia. Cunha linguaxe directa crea un esperpento que reflicte o mundo con distancia, ofrecéndolle así unha certa perspectiva. En Polaroid (1986), Premio da Crítica de Galicia, os relatos disparan multitude de sentidos, abrindo o texto, co que a dimensión poética está moi presente á hora de realizar unha mostraxe non exenta de violencia de escenas da realidade occidental. Salientouse a capacidade para desenvolver o monólogo interior, así como diálogos cruzados que inciden na impresión de verosimilitude.

Dous anos despois retorna con Land Rover, novela pechada e de ambiente sórdido, finalista do Premio Xerais, e máis clásica en canto á estrutura. A partir do mito recrea a historia. En 1990 ofrece unha aposta pola ampliación de lectores coa novela policial Ambulancia. Dela fala no relato “Aquí somos así, positivamente”, que se recolle no libro Tic-Tac, de 1993. Obra heteroxénea, de material multiperspectivista e fragmentado, obriga á reflexión a propósito da mesma construción literaria. Foi definida coma un crebacabezas co que rachar a noción de realidade. Con ela gaña o Premio da Crítica Española o ano despois da súa publicación. Tamén en 1994 prosegue a súa traxectoria literaria con A sombra cazadora, literatura xuvenil. Botando man do xénero negro e da ciencia-ficción preséntalles aos adolescentes unha viaxe iniciática na que participar. A elección gráfica subliña a subxectividade dos pensamentos, que pertencen ás múltiples voces incluídas na narración. Trátase, en verdade, dunha defensa da percepción non mediática do mundo.

En 1996 saen á luz Conta saldada e os ensaios Eterno retorno e Parado na tormenta. E só un ano despois Calzados Lola gaña o Premio Blanco Amor. Nesta obra desenvólvense dúas liñas narrativas: a de acción, con investigacións, e a introspectiva, con desintegración e reconstrución da identidade. En 1997 tamén se atreve co teatro, publicando Unha rosa é unha rosa, traxicomedia de aceda crítica á sociedade contemporánea. Co xénero dramático repetiría en 2002 con Servicio de urxencias obra en que, unha vez máis, emprega o humor como modo de soportar situacións crúas, no hospital do libro e na vida.

En Círculo (1998) vai retomar a reflexión sobre a existencia e tamén a personaxe de Nano e Non volvas (2000), Premio da Crítica Española, supón a recuperación da memoria, da historia dunha muller. Trece badaladas (2002) foi levada ao cinema por Xavier Villaverde (mantendo o título a pesar da liberdade na adaptación). Ademais, esta novela conseguiu o Premio Nacional de Narrativa no 2003, ano en que Suso de Toro lle fai entrega aos máis novos de Morgún, relato épico e traxedia. Por estas datas Tic-Tac e Círculo únense nunha tradución ao castelán titulada El príncipe manco. E en 2006 regresa á narrativa con Home sen nome, un percorrido sobre a historia da Europa do XX e unha contundente reivindicación da memoria.

Por outra banda, durante este tempo compaxinou a escrita ficcional con máis traballos ensaísticos e xornalísticos, sempre marcados polo compromiso social. Así, no 2000 sae á luz O país da brétema e no 2001 A carreira do salmón. A partir da súa actividade na plataforma Nunca Máis, a propósito do Prestige, Suso de Toro publicou Nunca máis Galiza á intemperie (2003): as crónicas achegadas aos medios recompiláronse neste libro. Ademais, as relacións entre sociedade e poder tamén se barallan en Españois todos (2004) e Outra idea de España (2005). Porén, en Ten que doer (2004) reflexiona sobre a arte, a literatura e o mundo. Foi tamén protagonista do libro de Antonio Pedrós-Gascón Conversas con Suso de Toro (2005).


Imprimir



Libros de Suso de Toro na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |