
Poeta, narrador, xornalista
As vangardas poéticas tiveron en Amado un dos seus membros máis destacados por ser o creador da chamada corrente hilozoísta ou animista, tendencia de grande éxito na súa época e instauradora dunha importante escola. Encadrado por algúns na Xeración de 1922 e por outros na de 1925, a súa morte temperá deixou cativa a súa obra poética, composta de só dous libros.O ano seguinte, a súa enfermidade obrígao a pasar unha temporada de retiro en Soutelo de Montes, onde quedará moi impresionado pola paisaxe. Ao seu regreso escribe a maior parte dos poemas de O galo, o seu poemario póstumo, que algúns amigos levarán ao prelo en 1928. Morre con só vinte e seis anos deixando só dous libros de poesía, mais decisivos para a literatura do século XX ao dar inicio a unha importante escola, á que pertenceron Euxenio Montes, Augusto Casas, Manuel Luís Acuña, Xulio Sigüenza ou Blanco Amor. Con ela comeza o hilozoísmo, unha corrente na que se mesturan trazos franciscanistas, panteístas e espiritualistas no seu xeito de achegarse á natureza. Por iso supón asemade unha prolongación e unha renovación da sólida tradición poética baseada na paisaxe que atopamos a principios do século XX, na que destaca un Noriega Varela que comparte a cosmovisión de Amado Carballo.
O hilozoísmo sitúase ao mesmo nivel ca outras tendencias do momento, o neotrobadorismo e o neopopularismo. Normalmente clasificadas como vangardas, o certo é que estas correntes non son verdadeiramente rupturistas, senón continuadoras da tradición literaria galega. Porén, a personificación da paisaxe -nunca a identificación con ela, como fixeran os románticos- e mais a abundancia de imaxes e metáforas novas e insospeitadas que reforzan a animización dos diferentes elementos paisaxísticos, converten a súa obra nunha proposta orixinal, se ben incorporan moitos dos trazos que aparecen na poesía galega asociada á paisaxe.
Formalmente é moi conservador e prefire as formas métricas con rima e medida semellantes ás empregadas na literatura popular, o que o arreda do seu contemporáneo Manuel Antonio, moito máis rupturista e innovador. Proel inclúe os únicos poemas amorosos en galego que se conservan de Amado Carballo, dedicados á súa muller. Son composicións breves que semellan cadros ou estampas nos que o autor recolle as súas impresións diante da paisaxe, que ocupa en todo momento o centro de atención. O galo está menos imbricado coa tradición e contén pegadas claras do ultraísmo, como demostra o atrevido uso das imaxes.
Algunhas mostras narrativas e poemas esparexidos en diferentes publicacións periódicas foron recollidas por Xosé María Álvarez Blázquez na súa edición Obra en prosa e verso (1970).