
Ensaísta, crítica literaria e tradutora
A obra de Dolores Vilavedra axuda a entender, analizar e sistematizar noso campo literario: a súa investigación, os seus traballos académico supoñen unha achega ao percorrido histórico mais tamén á contemporaneidade do discurso literario. O seu labor investigador e crítico atende así mesmo a contemporaneidade, nomeadamente os xéneros narrativo e teatral.
Dolores Vilavedra é licenciada en Filoloxía Galega e diplomada pola École des Hautes Études en Sciences Sociales do C.N.R.S. de París, onde realizou un DEA durante o ano académico 1988-1989. Actualmente traballa como profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago.
Participa activamente en congresos e seminarios (exemplos son “O libro galego: unha necesidade estratéxica”, ou “Literatura e compromiso”), así como en revistas especializadas, como Dorna ou o Anuario de estudos literarios galegos, do que é directora. Ademais, foi coordinadora dos catro tomos que constitúen o Dicionario da literatura galega, proxecto da editorial Galaxia, e na actualidade forma parte do Consello de redacción de Grial revista en que é tamén responsable da sección de recensións. Así mesmo exerce a crítica literaria en distintos medios de comunicación. Son frecuentes as colaboracións en El País e na última década no Diario Cultural da Radio Galega.
Foi parte activa na elaboración do volume colectivo didáctico Literatura galega do século XX. Comentario de textos para COU (1992).
A partir da súa tese, Variabilidade diacrónica dos emisores inmanentes. A polifonía na novela galega, publica A recepción inmanente na obra de Neira Vilas (1990), onde analiza a obra do autor seguindo metodoloxías da estética da recepción que resultaban innovadoras naquel momento. Xunto a Xosé M. Salgado escribe Álvaro Cunqueiro (1992). Realiza no 93, en colaboración con Henrique Monteagudo, unha reedición crítica de Follas Novas, na que escribe o estudo introdutorio da obra de Rosalía. Con Ernesto González Seoane cumpre a mesma tarefa, esta vez con Un ollo de vidro e con Retrincos, de Castelao. Tamén con el achega un estudo pormenorizado da traxectoria do relato curto en Galicia, acompañado dunha escolma de textos da posguerra: Manual e escolma do relato curto de postguerra (1994).
Dolores Vilavedra volverá ofrecer en 1999 unha visión panorámica e analítica das letras galegas, publicando Historia da literatura galega.
No libro Sobre narrativa galega contemporánea (2000) ofrece ensaios e artigos a propósito da relación da creación coa crítica e sobre as obras de distintos autores galegos contemporáneos.
Froito do seu constante labor investigador publica no 2003 o ensaio Cartas ao meu amigo. Epistolario mindoniense a F. Fdez. del Riego e no 2005, Autores e literatura en Galicia.
No eido da tradución tamén desenvolveu un amplo percorrido. Así, en colaboración con Cándido Pazó ofrece A traxedia dun personaxe e outros relatos (1990), de Luigi Pirandello. Tamén con el traduce Seis narradores italianos (1993), antoloxía preparada co profesor Danilo Manera. Con anterioridade preparou a versión galega de Inventaires (Inventarios), estreada no 89 pola a compañía Teatro do Malbarate, e, para a compañía Teatro do Atlántico, dispón no 93 Non se chora, do dramaturgo arxentino Roberto Cossa. A relación de Dolores Vilavedra co teatro tamén lle permitiu exercer a docencia do seminario Historia do teatro galego, no posgrao “Teoría e práctica da interpretación”, organizado por Anxo Abuín na Facultade de Filoloxía. Sobre teatro achegou no 2002 Un abrente teatral. As Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia, escrito con Inma López Silva. Trátase dun estudo sistemático da actividade teatral xerada nos 70 arredor da celebración do festival da vila ourensá.
Por outra banda, tamén traduciu, esta vez ao castelán e con Ana Belén Fortes, as Trece badaladas de Suso de Toro. E do mesmo autor, Morgún (lobo máxico), así como Ela, maldita alma, ¿Que me queres, amor?, O lapis do carpinteiro e Os libros arden mal de Manuel Rivas.