Autores

Ramón Cabanillas Enríquez

1876, Cambados - 1959, Cambados

Poeta, autor dramático e narrador

Poeta e autor teatral, cultivou tamén a tradución e a prosa. Está considerado unha das voces máis destacadas da literatura do século XX, o que lle valeu en vida a denominación de “Poeta da Raza”, situándose na promoción de escritores de transición que recibiu o nome de Antre dous séculos ou das Irmandades da Fala.

Ramón Cabanillas Enríquez nace en Cambados en 1876. Tras estudar no Seminario de San Martiño Pinario -1889-1893- desempeñou diversas funcións burocráticas na vila natal ata emigrar a Cuba en 1910. Alí publica o seu primeiro poema na revista Suevia ("Lonxe", 1910) e o seu primeiro libro, No desterro (1913). Dous anos máis tarde abandona definitivamente a illa para establecerse de novo en Galicia, onde exercería como secretario do concello de Mos entre 1916 e 1924. O levantamento militar sorpréndeo en Madrid, dende onde pasará a Valencia, cidade na que fai tertulia con Castelao. En 1937 está xa de volta en Cambados.

A partir dese momento traballará como secretario en varios concellos galegos e coñecerá a loita agrarista. Ademais de apoiar este movemento, convértese nun símbolo literario do nacionalismo de pre-guerra pertencendo ás Irmandades da Fala -o que o levaría a colaborar asiduamente en A Nosa Terra- e ao Seminario de Estudos Galegos, así como á Real Academia Galega e á Real Academia Española. Posteriormente instálase en Madrid, pasando tamén tempadas en Barakaldo e no mosteiro de Samos. Ao final da súa vida regresa a Cambados onde morre en 1959.

Cabanillas, a quen se lle dedicou o Día das Letras en 1976, sobresaíu especialmente nas súas facetas de poeta e autor teatral, cultivando asemade a tradución e, esporadicamente, a prosa. Está considerado como unha das voces máis destacadas da literatura do século XX, o que lle valeu a denominación de Poeta da Raza. Como versificador recorreu a diversos rexistros temáticos -o amoroso, o relixioso ou o de preocupación cívica- e estilísticos. Os ecos intimistas das súas primeiras poesías deixaron paso a proxectos máis comprometidos, nos que puxo as súas verbas ao servizo da construción nacional. É o caso de Da terra asoballada (1926) ou da peza dramática A man de Santiña, que escribiría en 1921 a instancias de Antón Vilar Ponte. Con todo, o lirismo inicial sería retomado en obras como o poemario amoroso A rosa de cen follas (1927).

Tras un longo período de silencio, publicou a finais da década dos corenta Camiños no tempo. Seguiríanlle Antífona da cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida.

Imprimir



Libros de Ramón Cabanillas

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |