Autores

Ramón de Valenzuela

Outros:


Ramón de Valenzuela Otero

1914, Silleda - 1980, Sanxenxo

Narrador e autor dramático

Activo personaxe da emigración galega, foi membro do Seminario de Estudos Galegos e militante do Partido Galeguista. A súa obra pasou desapercibida en Galicia e só comezou a cobrar recoñecemento contra a fin da súa vida. As súas novelas autobiográficas sobre a guerra e o exilio abriron novos horizontes temáticos para a literatura galega de mediados de século.

Ramón de Valenzuela naceu en Silleda en 1914. Comeza os seus estudos en Compostela e posteriormente ingresa por oposición nunha escola de Pontevedra, onde continúa os tres cursos perceptivos de Maxisterio. Ao remate é nomeado mestre en Vigo, pero o inicio da guerra impide que chegue a exercer. Non será até 1945 cando volte aos estudos universitarios, para se licenciar en Filosofía e Letras, sección Xeografía e Historia, en 1947.

Durante os anos 1934 e 1935 dedicouse a narrar contos populares en teatros e en Radio Pontevedra e con só dezaseis anos xa organizara unha escola para adultos onde as aulas se impartían en galego. Alí formou parte do grupo galeguista Ultreya con Álvaro das Casas.

Colaborador do Seminario de Estudos Galegos e militante do Partido Galeguista, foi detido e encarcerado na casa do concello de Silleda en 1936. Tras saír do cárcere decidiu militarizarse como voluntario no bando franquista, pero en 1937, destinado en Cáceres, pasou ao bando republicano. Dous anos máis tarde, na súa fuxida a Francia, estivo internado nun campo de concentración e desde alí escribiu á Sociedad Pro-Escuelas de Bandeira en Bos Aires para solicitar axuda.

Xa recuperada a liberdade, colaborou co exército francés até que a policía alemá o devolveu ás tropas franquistas españolas, que o condenaron a morte e o confinaron nun cárcere de Ávila. En 1949, conseguido xa o indulto, emigrou a Bos Aires avalado pola Sociedad Pro-Escuelas de Bandeira. Alí traballou de crítico literario nas revistas La Gaceta de Tucumán e Galicia Emigrante (dirixida por Luís Seoane), impartiu aulas de Xeografía Galega durante tres cursos na Asociación Gallega de Universitarios y Artistas, e desenvolveu unha importante actividade cultural no Ateneo de Curros Enríquez da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.

En 1957 publicou a súa primeira novela, Non agardei por ninguén, na editorial Citania de Bos Aires. Trátase da primeira novela galega sobre a Guerra Civil española, unha ficción autobiográfica de corte realista que constituíu unha proposta inédita e ben distinta da renovación e o experimentalismo formais e temáticos que guiaban os pasos da Nova Narrativa Galega. A novela relata o tránsito de Gonzalo Ozores en tempo de guerra, desde a súa fuxida polas terras do Deza até o seu ingreso nas filas republicanas, pasando por unha intensa etapa de espía infiltrado no bando franquista. Tamén en Bos Aires, moito tempo despois, editarase a segunda e derradeira novela: Era tempo de apandar (1980). Sae á luz no ano da morte do autor, que xa levaba varios anos residindo en Galicia, e pode considerarse a segunda parte da novela anterior e tamén o segundo tomo das memorias de Ramón de Valenzuela, xa que constitúe un relato autobiográfico de posguerra que dá conta dos anos do exilio en Francia e dos posteriores de prisión en España.

Malia a súa destacada achega como relatos sobre a guerra e o exilio desde un punto de vista totalmente galego, ambas as novelas pasaron desapercibidas en Galicia e non foi ata finais de século que recibiron o recoñecemento correspondente.

Como autor teatral estreou As bágoas do demo (1964) no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires. Esta obra representou o derradeiro intento dos exiliados por manter o teatro galego na emigración. De volta en España, dedicouse á docencia en Madrid no Círculo de Estudios Galegos. En 1974 escribiu O Naranxo, unha escolma de relatos que xa publicara con anterioridade e deu numerosas conferencias, entre elas a polémica Historia do galeguismo político (1976) pronunciada na Facultade de Económicas de Santiago de Compostela e publicada ese mesmo ano en Edicións Akal.


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |