Autores

Xabier Puente Docampo

1946, Rábade

Narrador

É un dos nosos máis prolíficos autores de literatura infantil e xuvenil e un firme reivindicador da tradición popular e oral, cuxos recursos se atopan moi presentes na súa obra. Exerceu ante todo como docente, mais tamén foi guionista para radio e televisión, actor e director de teatro e animador á lectura. Vinculado aos movementos de renovación pedagóxica, ten estudos e conferencias acerca da narración oral e da didáctica da lingua e a literatura.

A súa infancia transcorre en Ribeiras de Lea. De mozo trasládase coa familia á Coruña, onde estuda bacharelato e maxisterio, mais sen perder nunca o contacto coa Terra Cha. Foi mestre en diversos centros e traballou durante oito anos no programa Preescolar na Casa. Relacionado desde sempre cos movementos de renovación pedagóxica, o Docampo escritor entregou toda a súa produción á literatura infantil e xuvenil.

Pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Escribiu libros de texto e ensaio pedagóxico e elaborou textos e discursos arredor da didáctica da lingua e a literatura, da implantación da lectura na escola e na sociedade, da narración oral, do uso didáctico da mesma e da súa influencia na literatura escrita, etc. Tamén desenvolveu unha importante actividade como formador de docentes.

Foi un dos creadores da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), que presidiu dous anos, e participou en actividades de narración oral tanto en Galicia como fóra dela. Tamén se dedicou activamente ao teatro, como actor e director. Foi guionista e director de programas en Radio Nacional de España, onde traballou durante sete anos, e tamén escribiu e dirixiu para vídeo e televisión.

A de Xabier Docampo é unha obra fértil que supera as dúas ducias de títulos, sen contar as numerosas participacións en escolmas narrativas xunto a outros autores. O seu primeiro libro é O misterio das badaladas (1986), novela de pescuda na que, nun exercicio intelectual e lúdico, o lector debe descifrar cos protagonistas as mensaxes en clave que un misterioso personaxe deixa tras de si. Do mesmo ano é Cun ollo aberto e outro sen cerrar, alarde de imaxinación e defensa do poder suxestivo dos libros. Nos relatos que compoñen O armario novo de Rubén (1987) aparecen xa os trazos definitorios da prosa de Docampo: tratamento humorístico, axilidade narrativa, linguaxe fluída e mestura do cotián co absurdo ou extraordinario para crear situacións delirantes. A nena de auga e o príncipe de lume (1990) engade a estas características un sorprendente lirismo.

Dúas obras destacadas son A chave das noces (1987) e O país durminte (1992). A primeira é unha novela negra para o público mozo que fai un logrado retrato dos baixos fondos e dos seus tipos humanos; a segunda, narrada en primeira persoa, relata a viaxe iniciática dunha adolescente por un mundo mítico onde a recuperación da memoria histórica e a identidade colectiva na procura da liberación do país permiten poñer a historia en relación co pasado de Galicia. Outro dos títulos máis recoñecidos de Xavier Docampo é Cando petan na porta pola noite (1994, Premio Rañolas e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995), catro relatos de misterio concibidos como contos da tradición oral e pensados para seren transmitidos oralmente. O propio autor convida o lector a espallalos deste xeito, como se lle foran contados ao pé da lareira, para manter o fío da literatura popular. A Fundación Germán Sánchez Ruipérez considerouna unha das cen mellores obras do século XX español.

Xa para lectores máis cativos, Roxelio e a couza (1991) destaca pola sensibilidade coa que aborda a relación dos nenos e nenas cos animais. Adelaida, Henrique e demais familia (1996) presenta a peculiaridade formal de que Adelaida, nena esperta e capaz de xulgar algunhas das normas e comportamentos dos adultos, remata por dirixirse ao propio narrador para discutir as súas decisións contra o final do libro. Outros títulos son O home que inventou unha maneira de andar (1998), A viaxe de Purpurina ou a historia dunha pinga de auga (1999), A casa da luz (2002) e A decisión de Valerio (2005).

Ademais dos premios mencionados, Xavier Docampo obtivo o Feira do Libro da Coruña 1989 polo conxunto da súa obra narrativa, o Emilia Pardo Bazán do Ministerio de Educación, o White Ravens da Jugendbibliothek de Munich 1997 e 2005, o Lista de Honra IBBY 1996 e o Lecturas de GALIX 2004. Ten numerosas obras traducidas ao castelán, catalán, éuscaro, valenciano e bable.


Imprimir



Libros de Xabier Docampo na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |