Autores

Eduardo María González-Pondal Abente

1835, Ponteceso - 1917, A Coruña

Poeta

É un dos tres grandes poetas do Rexurdimento. O bardo da nación galega foi o creador dunha poesía épica que instaurou artisticamente o ideal de raza específica, ao colocar a Galicia na tradición do mundo céltico. A súa obra supuxo a introdución nas nosas letras dunha linguaxe literaria nova, rica e erudita, que responde ao seu firme propósito de dignificación do idioma galego e das súas letras.

Eduardo Pondal naceu o 8 de febreiro de 1835 en Ponteceso. De familia fidalga, iniciou os estudos na reitoral de Vilela de Nemiña e xa en 1848 parte a Compostela, onde cursará Bacharelato e Medicina. Nestes anos intégrase no Liceo de la Juventud e participa no Banquete de Conxo, organizado por el mesmo, Luís Rodríguez Seoane e Aurelio Aguirre.

O de Ponteceso case non exerceu a profesión médica. Aprobou unhas oposicións ao corpo de Sanidade Militar, mais a disciplina que lle impuña o traballo fai que o deixe definitivamente en 1864. Dende entón pasa temporadas na vila natal e na Coruña, onde establece a súa residencia definitiva ata a súa morte en 1917. Aquí asistirá á tertulia da Librería Carré -alcumada "Cova Céltica"- que dirixía Murguía. Estas xuntanzas irán alimentando en Pondal a conciencia de bardo da nación galega, exercendo como guía da rota a seguir.

Como Rosalía, Pondal inicia a súa obra durante o segundo provincialismo, pero o máis importante dela pertence á etapa rexionalista. Debe encadrarse no movemento posromántico europeo que desemboca no simbolismo. Pondal é especialmente importante por ser o creador dunha poesía épica de intención nacionalista que inclúe a Galicia entre os pobos de orixe celta, termando así artisticamente do ideal nacional de raza específica que defendían algúns pensadores desde os inicios do Rexurdimento. Tamén foi o introdutor dunha linguaxe literaria nova, chea de cultismos léxicos e sintácticos, semellante á que adquiriron a maioría das linguas de cultura europeas a partir da época renacentista, pero coa que non contaba o galego, por non pasar por esas etapas da cultura. Foi tamén o iniciador dunha liña artística moderna que desemboca no simbolismo e que en Galicia se coñece como Escola Idealista ou Formalista, da que será o iniciador e principal mestre.

Na primeira etapa da súa obra (1854-1868) escribe dous poemas en galego. Son unha primeira redacción de Os eoas e o poema “El canto de un brigante. A campana de Anllóns”. Na segunda etapa, a rexionalista, Pondal asume a condición de bardo nacional, espallador das raíces étnicas do pobo galego e oráculo do seu futuro rexurdir como nación. Esta fase iníciase coa obra bilingüe Rumores de los pinos (1877) e acada o seu cumio con Queixumes dos pinos (1886). A carón destas obras hai que colocar a revisión de Os Eoas (1892), inicialmente provincialista mais “rexionalizada” agora por influxo dos ideais da Cova Céltica.

Pondal é o poeta máis culto da súa xeración. Tres son as fontes literarias que serven de base á súa poética. Por un lado a poesía clásica, sobre todo a relacionada co mundo grego arcaico. O latino non foi tan admirado por el, que o consideraba inimigo das liberdades dos pobos pequenos. Con todo, coñecía ben as súas principais figuras e nel é importante a influencia de Horacio. Doutra banda, a pegada do Renacentismo e de figuras como Dante, Tasso e Camões é esencial para comprender a épica pondaliana. Por último, da fonte romántico-celta procede o celtismo poético de Pondal, que era coñecedor da lenda gaélica Leabhar Gabhala e creu na existencia do bardo Ossian inventado polo romántico Macpherson.

Os Eoas, epopea da descuberta de América, é unha obra menos avanzada esteticamente ca Queixumes, pois non conta cunha métrica tan variada, o seu helenismo é renacentista e non un avance semellante ao parnasiano, carece do simbolismo natural do mundo celta (piñeiros, carballos, andoriñas, corvos, mazaricos, etc.) e a personificación da paisaxe galega non ten a mesma forza. Así e todo, a importancia que posúe para unha lingua coma o galego é incuestionábel. O galego precisaba acadar a elasticidade cultural que tiñan as linguas europeas occidentais desde o renacemento, labor que lles cumpriu a Os Eoas e a Queixumes.

Queixumes dos pinos condensa a vontade formalista da poesía pondaliana. Os poemas están enmarcados, de forma que as composicións inicial e final presentan a un personaxe que, mentres guía un carro en noite de luar, vai ceibando o seu canto ao parecen responder os piñeiros. Así, os poemas do libro inscritos entre eses dous marcos constitúen unha sucesión de cantos dese “bo bergantiñán” e dos piñeiros, cantos que recollen a memoria telúrica e histórica de Galicia, proxectándoa cara ao futuro nunha sorte de vaticinio poético. Segundo isto, o impulso do canto parte do presente histórico e protagonízao un aldeán, mentres que no resto dos poemas o tempo dominante coloca o lector no pasado ou aventura o futuro, e os protagonistas explícitos son figuras idealizadas, de xinea romántica e potencia simbólica (o bardo, o guerreiro, o peregrino o vagabundo, o pastor, a fada).


Imprimir



Libros de Eduardo Pondal na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |