
Debuxante, narrador, ensaísta, autor dramático
Símbolo do nacionalismo galego, loitador no exilio, autor polifacético, a de Castelao foi unha obra multixenérica e xenial que o consagrou como un dos máis grandes artistas galegos de todos os tempos.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en 1886 no seo dunha familia modesta de Rianxo, mais aos once anos marcha emigrado a Arxentina. Á súa volta en 1900 retoma o Bacharelato e cursa estudos de Medicina en Compostela. A esta etapa corresponden as súas primeiras caricaturas e acuarelas. Licenciado en 1909, comeza a participar en diversas publicacións periódicas como ilustrador e caricaturista. En 1910 comezaría a traballar como médico na súa vila, mais esta profesión non conseguía satisfacelo e en 1914 unha crise de cegueira precipita o seu afastamento da mesma. En 1916 obtén unha praza de funcionario no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra. Nese ano ingresa nas Irmandades da Fala comprometéndose, xa de por vida, co galeguis mo. Comezaba tamén daquela unha etapa na que Castelao se convertería no principal referente da arte galega.
O seu labor centraríase no eido da creación plástica, a través de cadros e caricaturas mais tamén son anos de reflexión sobre as relacións entre a arte e a terra: en 1919 expón as 50 estampas do álbum Nós e pronuncia a conferencia “Arte e galeguismo”. En 1920 encárgase da dirección artística da recentemente creada revista Nós e pronuncia a conferencia “Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura”. A viaxe que en 1921 realiza por Europa dá como froito o seu Diario, que non será publicado até 1977. A partir deste momento a plástica facilitará a súa progresiva entrada na literatura. Nos primeiros momentos, o texto terá un valor funcional, enfatizador do debuxo (Cousas da vida, 1922). O Castelao narrador aparece coa novela curta Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), composto de breves estampas xustapostas que se repetirán máis tarde en Os dous de sempre (1934). En 1926 aparece o primeiro libro de Cousas; o segundo chegará en 1929. Con eles, Castelao inaugura un novo e persoalísimo xénero, que combina os elementos narrativo, descritivo e lírico e co que intenta expresar aqueles aspectos da realidade que non poden selo só por medio da plástica. En 1934 aparecerá Retrincos, cinco contos que recollen vivencias autobiográficas que deixaron fonda pegada no autor.
O seu ingreso en 1923 no Seminario de Estudos Galegos coincide co seu interese pola etnografía e a arte popular galega, que callará nunha serie de estudos como As cruces de pedra na Galiza, o seu discurso de ingreso na RAG, institución da que é elixido membro en 1926. A súa doenza da vista e a morte do seu único fillo condenarano a uns anos de deriva e silencio que rematarán coa súa viaxe a Bretaña, da que sairá As cruces de pedra na Bretaña (1930). Pouco despois retoma a actividade artística nas páxinas de Faro de Vigo.
Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, o Castelao político súmase ao artista. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes, e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano contribuíu con numerosos mitins por todo o país á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Con todo, en 1934 é desterrado a Badaxoz. Retorna a Pontevedra no 36 para entregarse á campaña polo estatuto, e nas eleccións xerais consegue o escano co maior número de votos de toda Galicia.
Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que plasma nos álbums de guerra Galiza mártir e Atila en Galiza (1937) e Milicianos (1938). A guerra tamén deixara fanado o propósito de Castelao de crear, xunto a Otero Pedrayo, un teatro galego de arte, ao que contribuiría coa escrita e a estrea (Bos Aires, 1941) da súa única obra dramática, Os vellos non deben de namorarse.
En Bos Aires, onde chega con categoría de persoeiro, desenvolveu unha actividade continua na reorganización das comunidades galegas coa esperanza de que caese o réxime franquista. Segue pintando e traballa no que será Sempre en Galiza (1944), síntese do seu pensamento político e obra magna do galeguismo. Ao remate da II Guerra Mundial e impulsado polo goberno vasco no exilio, Castelao constitúe o Consello de Galiza. En 1945 nace, da revitalización do pacto entre galegos, vascos e cataláns, a revista Galeuzca, que Castelao deseña e na que colabora activamente.
Nos primeiros meses de 1949 un cancro no pulmón afástao da actividade pública. O 7 de xaneiro de 1950 falece no Centro Gallego de Bos Aires. O franquismo ordenou silenciar o acontecemento, mais non logrou evitar a fonda emoción que causou na Galicia emigrada nin a solemne cerimonia do seu enterro no mausoleo do Centro Gallego no cemiterio da Chacarita. En 1984, os seus restos foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres de Santiago de Compostela.