
Narrador, ensaísta, xornalista
Os labores político e xornalístico capitalizaron o longo exilio arxentino do autor dezán. De volta en Galicia, a súa actividade a prol da campaña autonomista culmina coa súa elección como deputado polo Frente Popular. Os intensos episodios da súa vida como fuxido durante a Guerra Civil deron pé á novela autobiográfica que constitúe a súa meirande achega como narrador.Emigrado desde moi cedo en Arxentina, Antón Alonso Ríos cofunda alí a Federación de Sociedades Galegas e dirixe os xornais El Despertar Gallego e Galicia, voceiro da asociación do mesmo nome. Nesta época compaxina as actividades docentes cos seus estudos de Filosofía e Letras e cun amplo labor societario e político próximo ao agrarismo e ao galeguismo.
En 1931 volta a Galicia para colaborar na campaña autonomista, presidindo a asemblea que estudou o anteproxecto do Estatuto Galego. Despois de permanecer durante varios anos na inspección de escolas construídas polos emigrantes galegos e no seu traballo como mestre en Tomiño, será elixido deputado a Cortes por Pontevedra nas eleccións de 1936.
Coa chegada da Guerra Civil permanece fuxido durante anos baixo a personalidade de Afranio do Amaral, logo retornando novamente a Arxentina desde Portugal. De novo en Bos Aires cofundará o Consello de Galiza e a Irmandade Galega, desenvolvendo distintas actividades culturais e políticas ata a súa morte.
Asiduo colaborador de distintos xornais en Galicia e Arxentina como A Nosa Terra, El Pueblo Gallego, Crítica ou Galeuzca, en 1942 publica o seu primeiro libro, Co pensamento na patria galega, escolma do seu labor xornalístico con prólogo de Castelao. A súa obra ensaística completarase en 1961 con A cultura galega na súa dimensión americán (1961).
En 1956 escribe un volume de relatos titulado Da saudade: amore, arte e misticismo. Está na liña da narrativa do Grupo Nós: evocacións fidalgas, apego á terra, protagonismo da natureza e da paisaxe, lirismo, romanticismo e mesmo pegadas de misticismo. A vivencia da nostalxia -dor pola distancia do obxecto amado que se quere recuperar- non é temática estraña no mundo do desterro. Desde a dedicatoria inicial -“Ás mocedás galeguistas da América con agarimo de irmán e fé no seu mensaxe abalado pol-a saudade”- percíbense xa os tres estratos fundamentais do libro: galeguismo, idealismo e saudade.
A súa narrativa ten o seu cumio no seu documento en forma de memoria novelada sobre os seus anos de fuxido ao longo da Guerra Civil: O siñor Afranio ou como me rispéi das gadoupas da morte (memorias dun fuxido) (1979). Parece ser que Alonso comezou a escribir moito antes, en 1971, a pedimento de Xosé María Álvarez Blázquez. O enfoque é similar ao dunhas memorias, xenerosas en detalles e datos concretos de persoas ou lugares, descritos en clave autobiográfica e sen preocupacións literarias. Detállase o día a día, os acontecementos máis relevantes desde o 16 de xullo de 1936, que o colle na súa escola en Tomiño, até o exilio en Bos Aires. Componse de trinta capítulos, cada un deles encabezado cun título que resume o seu contido. Á preocupación polo destino individual, engádeselle a preocupación polo destino do pobo galego. A través do personaxe do señor Afranio abórdase o intento de organizar a defensa da República para, axiña, comezar o periplo que durará tres anos, disfrazado de mendigo para escapar da morte.
En 1992, Ediciós do Castro publica Nidia, compendio das súas preocupacións filosóficas e relixiosas. Sae publicado moitos anos despois da súa redacción orixinal, mesmo fora presentada a un concurso do Centro Gallego de Bos Aires en 1970. É un texto de carácter enciclopédico con “pretensións teolóxicas” entretecido por un lene fío narrativo que se eslúe progresivamente. O personaxe de Nidia ten dúas paixóns principais: o sentimento relixioso e o instinto maternal. A aposta decidida polos personaxes de fasquía popular amosa unha concepción crítica coas convencións sociais, co poder, ás veces coa Igrexa e con todo o que desvirtúa as formas de vida espontánea e natural.