Autores

Helena Villar Janeiro

1940, Becerreá

Poeta, narradora e ensaísta

Helena Villar é unha escritora prolífica, que se achegou a todos os xéneros. Considérase fundamentalmente poeta, pero tamén escribe narrativa, para adultos e, sobre todo, para cativos, ademais dalgún ensaio, conformado a partir de artigos de prensa, na que colabora frecuentemente.

Helena Villar fixo primeiro a carreira de Maxisterio en Lugo, para licenciarse en Filosofía e Letras posteriormente, en Madrid. É considerada unha das escritoras de literatura infantil máis importantes da década dos oitenta. No ámbito poético pertence ao grupo Cravo Fondo, que reaccionou contra os parámetros estéticos do socialrealismo.

Na traxectoria literaria de Helena Villar é fundamental a colaboración permanente que mantén, dende 1975, co seu compañeiro Xesús Rábade Paredes.

Con el escribe Símbolos de Galicia (1979) e o libro de poemas para nenos O libro de María (1984). Entre os dous gañan repetidamente o Premio Galicia: en 1980 coa novela Morrer en Vilaquinte e en 1981 co poemario No aló de nós. Tamén foron merecedores do Premio Manuel Antonio por Sangue na paisaxe (1980). Cabeleira de pedra (1993) volve ser creación conxunta. Porén, a súa andaina xa comezara no 72 co libro de poemas Alalás, que xunto a Cravo fondo (1977) e Rosalía no espello (1985) serían escritos en solitario.

A autora ten recoñecido que a poesía élle un xeito protector, por envolvente, de buscar a identidade. Así, en 1994 publica Festa do corpo, en 1999, Álbum de fotos e no 2002 Amadas polos deuses. A última entrega poética é de 2004 e titúlase Milagres de Santiago.

Dende mediados dos oitenta ata principios dos noventa céntrase na creación infantil e xuvenil, abarcando todos os xéneros. Así, algunhas das publicacións desta etapa son Patapau (1984) e Viaxe á Illa Redonda (1987), libros cos que obtivo o segundo premio do certame Barco de Vapor. O día que choveu de noite (1985), Vermiño (1988) ou A cidade de Aldara (1989) son outros exemplos do ofrecido pola autora nese lustro.

Regresaría á literatura para adultos en 1991 con O enterro da galiña de Domitila Rois, relatos de temática diversa, cheos de humor e de sensibilidade. Ese ano tamén gañaría o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Nas hedras da clepsidra. Dous anos despois, en 1993, recupera o traballo conxunto con Xesús Rábade no poemario A cabeleira de pedra, no que ofrecen textos breves que apoian as fotografías de Xaquín Nóvoa.

Tamén con el escribira no 83 a obra de literatura infantil e xuvenil Contos de nós e da xente e repetirá no 2004 con Dona e don, libro de poesía para rapaces, no que se aposta pola musicalidade. Ese mesmo ano, Helena Villar publica en solitario outro libro de poesía infantil, Na praia dos lagartos, polo que é galardoada co Premio Arume.

Con anterioridade, a autora escribiu Ero e o Capitán Creonte (1990) que foi incluído na Lista de Merlos Brancos da Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich (White Ravens del Internationale Jugendbibliothek), nomeamento que conseguirá outra obra súa no 94, A canción do Rei, publicada en Galicia dous anos antes e coincidindo con A tarde das maletas, que formou parte da colección de Contos do Castromil. Helena Villar continuou a achegar durante algún tempo Novos contos para nenos, publicados en 1994, como A voda do papá, do mesmo ano, A campá da Lúa, do 99, Belidadona, que sae á luz no 2003, Raúl, aparecido no 2005, ou O souto do anano, do 2007.

Nestes anos tamén escribiu narrativa para adultos, por exemplo en Cariocas (2002), guías gastronómicas, como O sabor da terra (2005), ou ensaios. Neste último eido, salienta Delas (1999), elaborado a partir de artigos publicados na prensa, da que é colaboradora habitual, Paseos literarios (2001) e Feminino plural (2003).

Ademais, colaborou en proxectos colectivos. Algúns deles son Contos eróticos / Elas (1990), Contos de hogano (1992), E dixo o corvo... (1997), Un futuro para a lingua (2002), A semente aquecida da palabra (2003), Narradio. 56 historias no ar (2003) e Catro contos para unha data (2004).

Foi fundadora do PEN Clube de Galicia e na actualidade preside a Fundación Rosalía de Castro.


Imprimir



Libros de Helena Villar

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |