Narrador, ensaísta
Xavier Alcalá Navarro é un dos novelistas galegos de traxectoria máis sólida e con máis respaldo do público. É ademais un novelista independente, situado á marxe das correntes das épocas, cunha prosa onde se mesturan diversas temáticas, cun estilo sinxelo e directo. A súa obra máis coñecida é A nosa cinza, todo un clásico das novelas de aprendizaxe.Xavier Alcalá naceu na vila manchega de Miguelturra, provincia de Cidade Real, en 1947. Porén, dende moi novo viviu en Ferrol, co que non se pode considerar un escritor alófono: criouse literariamente en galego. Doutor en enxeñería de telecomunicacións, ten traballado como enxeñeiro deste ámbito creando empresas privadas, e tamén nos últimos anos como asesor ou responsábel de centros públicos de promoción do I+D industrial e tecnolóxico. Ademais, é profesor universitario en enxeñería dende hai máis de 25 anos. Na actualidade é director da OPIDI, unha iniciativa da Consellería de Innovación e Industria para asesorar os investigadores que buscan financiamento internacional.
Comezou coa literatura a través da poesía e compoñéndolle letras de cancións ao seu amigo Andrés do Barro, un dos cantantes pop máis importantes da historia de Galicia. Despois muda para a narrativa, e en 1972 publica o libro de relatos Voltar, seis personaxes e un fado. En 1978 gaña o Pedrón de ouro de relato con A fundición, e debuta na novela coa publicación de A ínsua, adscrita polos críticos aos canons da "Nova narrativa". Dous anos máis tarde chégalle o éxito con A nosa cinza, un dos títulos máis lidos na literatura galega contemporánea e onde se viu reflexada toda a xeración da posguerra. Pertence ao xénero da bildungsroman, ou novela de aprendizaxe, e relata a formación dun rapaz galego dende as memorias infantís ata o ingreso na universidade, coincidindo cos movementos sociais de 1968. A amizade, o sexo, a relixión e en xeral, todas as experiencias de aprendizaxe preséntanse dende unha óptica existencialista.
Nese mesmo ano escribe Fábula, pola que recibe os premios Cidade da Coruña e da Crítica española, onde segue coa exploración histórica, neste caso da guerra civil, e dous anos máis tarde, en 1982, introdúcese plenamente na temática arxentina publicando Nos pagos de Huinca Loo, onde aborda a emigración dos galegos á Pampa. Nos anos oitenta continúa publicando narrativa breve como O Larvisión e outros relatos (1984), onde recolle un conto que recibira o premio Francisco Lanza no 81, coa novela (Tertulia, de 1985, e Fumes de papel, de 1988). A seu gusto polo exótico e pola descrición de paisaxes e sociedades alleas lévao a explorar de novo a Patagonia na novela Latitude austral, de 1991, pero sobre todo nos libros de viaxes, que a partir da década dos noventa fanse frecuentes na súa traxectoria: Arxentina (1990), Viaxes no país de Elal (1992), La Habana flash (1998)...
A culminación da súa obra narrativa chegoulle a mediados da década do 2000, co inicio dunha triloxía onde revisita as constantes da súa narrativa: a recuperación da memoria histórica, a preocupación polos marxinados e as minorías, as viaxes e mais as novelas de emigración, reunidas nunha soa e extensa trama. Dela, titulada Evanxélica memoria por Alcalá apareceron polo de agora dous títulos. Entre fronteiras, de 2004, é unha novela coa que cubría a vida dunha comunidade protestante na Galicia da Segunda República e da guerra; o segundo, Nas catacumbas, continúa o seguimento desa comunidade na inmediata posguerra e a súa persecución polo catolicismo dominante.
Tamén ten traducido obras clásicas como A illa do tesouro, de Robert Louis Stevenson, ou Un estudio en escarlata de Conan Doyle, así como recompilacións de artigos de xornal (onde a súa produción é moi abondosa e dilatada ao longo dos anos), reflexións sobre a clase empresarial (A galeguidade empresarial, de 1996), e métodos de aprendizaxe de galego, coma O galego hoxe, de 1978.
Máis obras:
Cárcere verde, 1990 (novela)
Far South, 1991 (relatos)
Contos das Américas, 1992 (relatos)
Contos do impaís, 1992 (relatos)
Sucinto informe, 1992 (relatos)
Relación de feitos de sangue, 1994 (relatos, premio Manuel Murguía)
Hotel damasco, 1995 (relatos, premio Concello de Vilalba).
Código Morse, 1996 (novela)
Discurso do novo século, 1996 (ensaio)
Alén da desventura, 1998 (novela)