Autores

Luísa Villalta

1957, A Coruña - 2004, A Coruña

Poeta, narradora, ensaísta e dramaturga

Autora versátil, que probou todos os xéneros, chegou á escrita desde o terreo da música. Esta arte influíu na súa obra literaria, especialmente no eido do ensaio, publicando artigos relacionados coa música, e no da poesía, imprimíndolle un aura rítmica e sonora ás creacións.

Luísa Villalta estudou Violín, o lle permitiu formar parte de conxuntos de cámara como a Orquestra de Santiago ou a Xove Orquestra de Galicia. Licenciouse en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa.

Pola súa vinculación coa música, publicou varios artigos sobre estética musical en Agália, Grial e Luces de Galiza. Pola banda da filoloxía, publicou en Man Común o ensaio “ Menosprezo de Corte...”, elaborado con Paulo Martínez Pereiro. Nos Cadernos da Escola Dramática Galega ofreceu o monólogo teatral Concerto para un home só (1989) e a obra O paseo das esfinxes (1991). De 1990 é O representante e do 99 As certezas de Ofelia. Ademais, realizou a edición anotada de O doído e a morte, peza dramática de Raúl Brandão.

En 1985 achega ao panorama poético galego Sete haikús e seis anos despois Música reservada, obra en que se manexa tanto con sonetos coma con formas máis libres cheas, igualmente, de harmonía sonora. A súa poesía foi entendida como manifestación polarizada entre os intensos sentimentos de dor e a intelectualización desta a través dos mecanismos conceptuais. Outros dos seus poemarios que contaron con recoñecemento foron Ruído, de 1995, e Rota ao interior do ollo, da mesma data. En Apresados sen presa, Estudo das sombras e Modulación de Orfeu, os tres de 2002, a ausencia, o soño, o presente que foi ou que será, pero nunca é, están fondamente presentes. Os seus dous derradeiros poemarios, publicados despois de ela morrer, son considerados homenaxes á súa cidade natal, pero En concreto (2004) e O Papagaio (2006).

No eido da narrativa, Luísa Villalta publica en 1991 Silencio, ensaiamos, obra de relatos ateigados de elementos surrealistas e de aire colmado e perturbador. Un ano antes obtivera un accésit no certame de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo co relato “A taberna no holandés”. Seguirá este xénero con obras como Teoría de Xogos (1997), As chaves do tempo (2001) e Desperta do teu sono (2002). O relato "A nación das últimas cousas" foi feito público polo tamén escritor Manuel Forcadela na web O Ximnasio do Academo, en 2001.

Co ensaio xa se atrevera en revistas, pero é en 1992 cando sae á luz o “Don Hamlet” de Cunqueiro: unha ecuación teatral, no que se analizan parellamente a versión galega e o drama de Shakespeare. En 1999 O outro lado da música, a poesía fala da relación entre a poesía galega e a arte musical, mentres que en Poética "Sobre un certo estado de conciencia" (2002) se centra na súa experiencia persoal nos momentos da creación, sempre vinculada, de forma moi íntima, á música. Así, a partir de artigos publicados primeiramente na revista Agália, publica en 2003 A lingua dos sons e, no mesmo ano, partindo dos textos reunidos esta vez na revista Enclave, elabora o libro A Música e Nós. Do mesmo xeito, os artigos publicados en A Nosa Terra entre xaneiro de 2002 e marzo de 2004 conformarán o Libro das colunas, publicado no 2005.

Luísa Villalta sempre traballou con celo a prol da cultura galega, e así colaborou tanto con medios de comunicación como en proxectos colectivos. Da primeira banda temos A Festa da palabra silenciada, A Trabe de Ouro,

Mondo Lusófono, Agália ou Tempos Novos. Da segunda, atopamos os seus textos en Novo do trinque (1997), Narradoras (2000), Longa lingua: Os contos da Mesa (2002), Materia prima: relatos contemporáneos (2002), Narradio. 56 historias no ar (2003), Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003) ou Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003).

Así mesmo, participou nas actividades da Asociación de Escritores en Lingua Galega, por algún tempo na súa directiva, e coordinou a Área de Revisión histórica e análise crítica da cultura, no Foro da Cultura Galega.

Dende 2004, na súa memoria, fállase o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras.


Imprimir



Libros de Luísa Villalta

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |