Autores

Xavier Queipo

1957, Santiago de Compostela

Narrador, poeta, tradutor e ensaísta

Xavier Queipo conta con recoñecemento no campo literario fundamentalmente como narrador tanto polas súas novelas coma polos libros de relatos. A súa querenza polas paisaxes arredadas, pola viaxe, a reflexión sobre a condición humana e a mirada de científico son algúns dos trazos que articulan a obra deste autor para o que adoito se menciona a súa tendencia cara ao exótico.

Licenciado en Medicina e Cirurxía e en Bioloxía, Xavier Queipo (Francisco Xavier Vázquez Álvarez) vive desde comezos dos anos 90 en Bruxelas, onde traballa como técnico especialista en cuestións de pesca na Unión Europea.

Por Ártico e outros mares (1990), colección de relatos con aventuras fantásticas e mares irreais, obtivo o Premio da Crítica española no apartado dedicado á literatura galega. Continúa a súa inclinación por situar a acción en ambientes arredados cos tamén libros de relatos Ringside e Diarios dun nómada (ambos os dous de 1993).

A súa primeira novela, O paso do noroeste (1996) recibiu o Premio García Barros e a ela seguiríanlle en 1999 Malaria sentimental e dous anos despois Papaventos novela que ten orixe na morte do tradutor ao inglés de José Saramago e que fala do desposuimento da luz, da privación da seguridade.

Os cinco relatos de O ladrón de esperma (2001) contaron co Premio Café Dublín, teñen vontade experimental e viaxan do exotismo á análise do comportamento sexual humano á luz das súas similitudes co dos insectos, da guerra civil española nos seus primeiros días en Compostela ao mundo onírico con final múltiple.

Tamén relatos compoñen Os ciclos do bambú, percorrido por mundos e paisaxes sorprendentes ao tempo que se camiña polo interior humano. Reaparece a Asia de Ringside e de Malaria sentimental e unha achega á súa cultura que recrea os seus xeitos de narrar. O antigo imperio do Vietnam, os costumes funerarios de Bombai, os soños dun lama ou o metro de Hong-Kong son escenario da reflexión verbo da identidade.

A narrativa infantil tamén foi ámbito de atención e así publicou o conto O espello e o dragón (2005) que, ambientado na cultura chinesa, segue o esquema acumulativo tradicional.

E ten obra narrativa compilada tamén en volumes colectivos como Narradores de cine, Manual e escolma do relato galego ou Narradio. 56 historias no ar.

En Dragona, a novela que viu a luz en 2007, a Cidade do Esteiro é escenario do desenvolvemento vital de catro personaxes de orixes arredadas que se moven entre a desesperación e a paixón máis básica. Contén unha análise de sentimento e paixón coa marca da cirurxía, coma se se tratase de tecido humano.

Como poeta ten na rúa Nos dominios de Leviatán (2001) e Glosarios (2004) ambos os dous cun peso específico da hibridación co discurso científico e con marcas xa presentes na súa narrativa. En 2006 tirou, na colección Poeta en Compostela, a compilación titulada Pegadas, catálogo de seres do mar, reflexión metalingüística e débeda coas artes visuais.

Xavier Queipo é tamén autor de varias traducións do francés: Hervé Guivert, Amin Maalouf, e do inglés: Joseph Conrad, James Joyce.

Articulista de xeito regular en Vieiros ou no semanario A Nosa Terra leva tempo colaborando na sección de opinión do Diario Cultural da Radio Galega, labor compilado recentemente no volume Caderno da Revolución Cultural, onde se xuntan o medio natural, a reflexión sobre os tópicos identitarios ou sobre a condición de escritor coa Cidade da Cultura ou o Día das Letras.


Imprimir



Libros de Xavier Queipo

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |