Autores

Xosé María Díaz Castro

1914, Guitiriz - 1990, Lugo

O poemario Mimbos (1961) foi suficiente para consagrar a Díaz Castro como unha das voces clave da literatura galega de posguerra e ao poema “Penélope” como unha das composicións que mellor retrata a historia dunha Galiza que o poeta chairego identificou co personaxe mítico que tece e destece continuamente a mesma tea: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus soños non se move (...)”.

Nado nos Vilares (Parga, Guitiriz) en 1914, Xosé María Díaz Castro comezou a compoñer versos desde moi pequeno, nos anos nos que, á falta doutro edificio, a súa casa se convertera na escola da parroquia. Malia que non chegou a ordenarse, en 1929 ingresou no seminario de Mondoñedo para cursar Latín, Humanidades e Filosofía e foi alí onde se fixo amigo de Xosé Díaz Jácome e onde coñeceu, entre outros, a José Trapero Pardo e Aquilino Iglesia Alvariño. Na escola que dirixía este último, en Vilagarcía de Arousa, exerceu despois de profesor durante sete anos.

No ano 1948, e logo de licenciarse en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca e adquirir o dominio da maior parte das linguas europeas, comezou unha nova etapa en Madrid, onde ademais de seguir na docencia comezou a realizar traballos de tradución para varias editoriais e para o Ministerio de Gobernación. A experiencia adquirida levouno despois aos servizos do Instituto de Cultura Hispánica e, posteriormente, ao Consello Superior de Investigacións Científicas de Madrid, como encargado de traducións do Padroado de Investigacións Científicas e Técnicas Juan de la Cierva.

Os anos de formación en Mondoñedo espertaron o interese de Díaz Castro pola poesía e foi alí onde redactou en galego dous cadernos (Follas verdes e Follas ao aire) que despois mantivo gardados ata a década dos 80. Non foi con todo ata finais dos 40 cando comezou a gañar os primeiros premios de poesía tanto en galego como en castelán (tras os Xogos Florais de Betanzos de 1946 van a imprenta os opúsculos líricos Nascida d'un sono e El cántico de la ciudad) e a publicar con certa asiduidade poemas na revista Alba. Nestes textos reparou Fernández del Riego, quen en 1955, e coa súa decisión de incluír unha selección de sete composicións do autor chairego no tomo IV de Escolma da poesía galega, propiciou a consideración dunha obra que non tardaría en consagrarse coa publicación, en 1961, de Mimbos. Este libro, o único que o poeta publicou en galego, recolle as composicións que viran a luz en Alba e en Escolma da poesía galega, ademais doutras novas, e reflicte as características temáticas comúns da poesía humanista do guitiricense: a ansia polo home nun contexto relixioso, o forte arraigamento á terra, o interese polos elementos da natureza...

A partir dos anos 50 Díaz Castro centrouse preferentemente na tradución (Rilke, Lamartine, Rimaud, Chesterton...), eido no que destaca o seu labor de verter ao inglés obras de Lorca e Alberti, mais sen abandonar definitivamente unha actividade poética que tivo continuidade en diferentes xornais galegos e en revistas da importancia de Estafeta Literaria ou Ínsula, nos libros Sombras radiante e Mediodía e en outras moitas composicións que quedaron inéditas.

Os últimos anos da súa vida pasounos entre Madrid e Guitiriz, a onde volveu en 1984 para participar activamente en numerosos actos culturais e establecer relacións cos poetas máis novos do momento (Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán Vello...). Finou en Lugo en 1990.


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |