Autores

Manuel Rivas Barrós

1957, A Coruña

Narrador, poeta, xornalista, ensaísta

Manuel Rivas é unha das figuras máis recoñecidas da literatura galega, ademais de ser unha das máis galardoadas. Parte da súa obra, escrita orixinariamente en galego, é traducida a múltiples linguas, entre elas o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata ou xaponés. O lirismo das palabras reflicte unha particular textura nas realidades que el percibe.

Dende a educación secundaria xa achega creacións literarias e xornalísticas. Licénciase en Ciencias da Información en Madrid. Alí coincidirá con Lois e Xosé Manuel Pereiro, Antón Patiño ou Menchu Lamas, cos que funda a revista Loia. De regreso a Galiza, colabora con A Nosa Terra, Teima e Man Común, ademais de participar en medios audiovisuais. É subdirector do Diario de Galicia, conduce a sección de Cultura de El Globo e dirixe Luces de Galiza.

Comeza publicando xunto con Taibo Os partidos políticos na Galiza (1977) e con Gaciño, tres anos despois, Informe dunha frustración, no que se analiza o proceso estatutario.

Os seus artigos contan sempre cos trazos líricos persoais, e así se mostra en Galicia, el bonsai atlántico (1989), encargo de El País, No mellor país do mundo (1991), no que se aborda a situación política a través de crónicas cheas de sentido do humor, e en Toxos e flores (1992), escrito en clave nacionalista e gañador do premio de xornalismo Fernández Latorre un ano antes da súa publicación. En 1997 regresa ao ensaio recompilando crónicas en El periodismo es un cuento. Despois, Galicia, Galicia (2001), Muller no baño (2002) e Unha espía no reino de Galicia (2004).

Con anterioridade introducírase no eido poético: pertenceu á xeración dos 80 e gañou un accésit do premio compostelán O Facho e publicando Libro do Entroido (1979). Pouco despois, no 81, ofrece unha creación experimental realizada con Xavier Seoane, Anisia e outras sombras, fundamentada na escrita automática e organizada en tomas, a modo de guión cinematográfico. Balada nas praias do Oeste (1985) é a volta ao país galego como eixe de interese, liña que perdura en Mohicania (1987). A tensión entre o rural e o urbano que aparecía nos poemarios anteriores disólvese en Ningún cisne (1989), no que os dous mundos, a través de poemas breves e contundentes, deixan de ser antagónicos e acadan unha perfecta simbiose. Por esta obra recibiu o premio Leliadoura. Costa da Morte Blues (1995) antecede á antoloxía O pobo da noite (1996)e Do descoñecido ao descoñecido contén a súa obra poética completa en galego (2003).

Manuel Rivas aproxímase á narrativa en 1985 con Todo ben, novela curta de aventuras, pensada para o público xuvenil. Seguiríalle o relato erótico “O león de catro ventos” (1990), o libro de relatos Un millón de vacas (1990), Premio da Crítica española e fito na traxectoria literaria do autor, e Os comedores de patacas (1991), no que a conciencia rota do protagonista se manifesta precisamente na fragmentación do texto. O relato “O último rei dos galegos” sae publicado no 90 na colección Contos do Castromil, onde xa se adiantan os dous planos temporais intercalados, técnica que se desenvolverá na obra En salvaxe compaña (1994), Premio da Crítica galega. Só un ano despois publícase ¿Que me queres, amor?, novela coa que conseguirá o Premio Torrente Ballester e o Nacional de Narrativa de 1996. Ademais, o relato “A lingua das bolboretas”, a canda outros dous pertencentes a esta obra, foron adaptados para o cinema por José Luis Cuerda. Pouco despois, contando coa colaboración do pintor Miguelanxo Prado presenta, en 1997, unha novela xuvenil, Bala perdida, para xa achegar unha das novelas máis valoradas polo público e tamén feita filme, esta vez por A. Reixa: O lapis do carpinteiro (1998). Esta obra tamén recibiu o Premio da Crítica Española, o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, o da Asociación de Escritores en Lingua Galega no ano 1998 e o Premio 50º Aniversario da Sección Belga de Amnistía Internacional no ano 2001.

A Deusa Atlántica e Ela, maldita alma aparecen no 99, un ano antes de A man dos paíños. No 2002 publica As chamadas perdidas e un ano despois volve contar coa participación de Miguelanxo Prado en Contos de Nadal.

Os libros arden mal é a obra que sae á luz en 2006, amplamente valorada. Así, gaña o Premio Antón Losada Diéguez de Creación, o Premio da Crítica de Galicia 2007, o Premio da Crítica Española 2006, o Premio Cálamo 2006, o VII Premio Libro del Año 2006 (concedido polo gremio de libreiros de Madrid), o da Asociación de Editores ao mellor autor e á mellor obra do 2006 e o XVI Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia.

En teatro publicou O heroe (2005), obra en que o mito do guerreiro se desfai con ironía lapidaria.

Os artigos de Manuel Rivas séguense podendo ler habitualmente en El País.


Imprimir



Libros de Manuel Rivas na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |