Pioneira polos seus contidos, deseño e pola diversidade de servizos que pon a disposición tanto de usuarios coma de autores, a Biblioteca Virtual Galega é moito máis que unha gran base de datos. Destaca o feito de que ademais dunha biblioteca de libros e autores catalogados por xéneros, funciona tamén como plataforma editorial, xa que contén textos en formato HTML de obras inéditas de autores actuais e de clásicos de autores antigos que xa non teñen dereitos de autor. Nela pódense atopar tamén obras de consulta (dicionarios, gramáticas, ensaios sobre lingua, obras de dialectoloxía, sociolingüística...) e, pensados sobre todo de cara a nenos e persoas con problemas de visión que dificulten a lectura, inclúe tamén servizos de videoteca e fonoteca con videos e lecturas realizadas polos propios autores que, á marxe da súa utilidade, posúen tamén relevancia documental e histórica.
A BVG é unha iniciativa dun grupo de traballo interdisciplinar de especialistas en Filoloxía Galego-Portuguesa e Informática -Laboratorio de Bases de Datos- da Universidade da Coruña que contou coa colaboración de diferentes persoas e institucións interesadas en difundir a literatura galega e por ofrecer a escritores e escritoras unha nova canle de publicación.