Reportaxes

Datos de edición e facturación

Cifras para o libro

De esquerda a dereita: Xurxo Patiño, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Alfonso García Sanmartín e Xesús Cubeiro De esquerda a dereita: Xurxo Patiño, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Alfonso García Sanmartín e Xesús Cubeiro
07-04-2009 A Asociación de Editores presentou un informe relativo a 2007 que amosa o crecemento na facturación e a leve diminución na edición. Propón, ao tempo, mudar o sistema de préstamo no libro escolar.

O pasado venres a Asociación Galega de Editores (AGE) presentaba un informe realizado pola empresa Conecta&Research, e financiado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, relativo ao comercio interior do libro no ano 2007. Comezou o presidente do gremio, Alfonso García Sanmartín, salientando a presenza na mesa de representantes de todos os sectores implicados no mundo do libro. Acompañábano na mesa, ademais de Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega onde se realizou a presentación, e de Víctor Freixanes, editor de Galaxia, dous integrantes do Consello Asesor do Libro: Xesús Cubeiro, membro da Asociación de Ilustradores e Xurxo Patiño, presidente de Federación de Libreiros.

É este o primeiro estudo con este nivel de profundidade co que conta a edición en Galicia, logo de anos en que, dixo García Sanmartín, ‘contabamos con referencias que eran produto do esforzo persoal de Bragado e Freixanes’. Chega ademais nun momento en que os datos do INE crearon certa confusión no relativo ao andar da edición en Galicia ao considerar os editores que había unha marxe de erro significativa.

Algúns datos do Informe

No seu conxunto, o libro galego facturou en 2007 31.890.000 euros. Isto supón que a cifra de negocio para o ano 2007 redúcese para a edición en galego no período 2005-2007 en 10 puntos, fundamentalmente en favor do castelán. Malia o dato ser este, Víctor Freixanes sinalou a pertinencia de non lelo en negativo e de ‘ter en conta as editoriais que exportan, cada vez máis, Hércules, Kalandraka, Nova Galicia ou Oqo’. Apuntaba así cara ao traballo de internacionalización levado a cabo nos últimos anos en feiras do libro como as de Frankfurt, Guadalajara ou Boloña.

En sinalar a dependencia da industria editorial galega do libro de texto coincidiron todos os integrantes da mesa, algo que os datos poñen de relevo de forma contundente. Preto do 50% da facturación total corresponde a libro escolar. Se a iso se lle suma a literatura infantil e xuvenil (18,2%) vemos que a importancia do ensino na edición aumenta aínda significativamente.

O 12% do publicado corresponde a literatura, edición que descende en 2007 en 3,3 puntos porcentuais. Tanto Freixanes como García Sanmartín cadraron en sinalar que é a edición de libro de texto e relacionada co ámbito escolar a que garante que as editoras poidan asumir a edición de obras de creación literaria.

O 17% da facturación total por venda de libros en Galicia (para 2007 supuxo 165.530.00 euros) correspóndelle a editoriais galegas. Ao mesmo tempo, diminúen as cifras relativas a edición en lingua galega en tres apartados: número de títulos, número de exemplares e tiraxe por título. No relativo ás canles de comercialización, o 46% realízase a través de librarías, cifra que sobe ao 53% no caso do libro en galego.

En definitiva, aínda que o volume de facturación global aumentase nestes anos, a actividade editorial en Galicia asoma unha leve diminución, arredor do 4%, no relativo ao libro en galego.

O presidente da AGE apuntaba que agardan ter no mes de xuño os resultados dun informe similar relativo ao ano 2008. Tamén que un estudo deste tipo é fundamental para entender a importancia do sector e ‘para o seu asentamento, ao tempo que deber ter utilidade para quen tome as rendas do goberno’.

No relativo á non coincidencia destes datos co informe do INE, Sanmartín atribuíuno a que neste caso “teñen en conta todos os elementos que levan depósito legal, algo que pode incluír tarxetas, folletos ou revistas” e sinalou a pertinencia de tomar como guía o ISBN “que agora o Ministerio decidiu que van levar os editores”.

Pódese atopar unha análise detallada dos datos do informe na media ducia de anotacións que estes días leva feitas o editor de Xerais, Manuel Bragado, no seu blog.

A gratuidade dos libros de texto

Canda a este informe a AGE expuxo ademais a necesidade de reformular o vixente modelo de préstamo para o libro escolar. García Sanmarín subliñou que a Asociación ‘defende de sempre a gratuidade do libro de texto pero tamén que este sexa propiedade do alumno’. Para explicar a situación actual sinalou que a aplicación aquí do modelo de Castela a Mancha foi negativo dado que non se trataba dun lugar con actividade editorial nin con lingua propia, ao tempo que reclamaba ‘unha maior independencia das cuestións pedagóxicas a respecto da mudanzas políticas’. Lamentaba así o feito de ser no ter sido o actual modelo de préstamo debatido cos axentes do sector.

Xesús Cubeiro, como representante do gremio dos ilustradores, salientou tamén a importancia que ten o libro de texto para o traballo na ilustración así como de chegar a acordos neste nivel, desde intereses non sempre coincidentes. Pola súa vez, Xurxo Patiño destacou que os libreiros están a favor da gratuidade do libro de texto “como conquista social irrenunciábel” ao tempo que apuntou a necesidade de procurar un sistema con axudas directas no que os libros sexan propiedade do alumnado e se teñan en conta os ingresos das familias para chegar a un modelo equilibrado.

O modelo de gratuidade actual, baseado no préstamo, ten consecuencias para a totalidade do sector e, segundo Patiño “sabíase que ía supor que os libreiros iamos perder un 30% de facturación”, algo que pon en perigo a supervivencia de librarías que, “pola dispersión poboacional son, ás veces, facho de cultura único e imprescindíbel”.

A proposta da AGE contempla entón un modelo de gratuidade con axudas directas, que os libros sexan propiedade dos alumnos e alumnas e que se teña en conta a renda das familias así como “a edición de materiais educativos en lingua galega, moi escasos, como reflicten os datos que achega o Informe”. Entre os motivos expostos está o feito de que o 24% dos docentes no estudo sinalan “a deterioración e empobrecemento dos materiais educativos”.


Imprimir

Documentos:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |