Reportaxes

Xuntanza do Consello Asesor do Libro

As bibliotecas centran de volta as accións do 2009


06-02-2009 Cultura destinará 9,6 millóns de euros para á promoción do libro e a lectura este ano. Realizarase unha campaña no transporte público.

A Consellería de Cultura e Deporte destinará este ano 9,6 millóns de euros á promoción do libro. Así o comunicaron a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, nunha xuntanza do Consello Asesor do Libro realizada onte na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as principais propostas para este ano en relación co libro e a lectura.

No orzamento de 9.669.000 euros para o 2009 ten un peso moi importante o investimento en bibliotecas, ao que se dedican 5.564.000 euros. As principais partidas van destinadas á adquisición de fondos (3,6 millóns de euros), a dotación de equipos e programas informáticos (800.000 euros) e a dotación de mobiliario (525.000 euros). Tamén se destinarán 1.593.000 euros á promoción da edición do libro en galego e 1.422.000 euros á promoción da lectura.

Na xuntanza de onte do Consello Asesor do Libro puxéronse sobre a mesa algunhas das medidas de fomento da lectura que se promoverán ao longo deste ano. Continuarase apostando por achegar a lectura a espazos non habituais, para o que entre outras accións desenvolverase unha campaña continuada no transporte público.

Incidirase tamén no papel central das bibliotecas como motores do hábito lector. Para iso potenciarase a imaxe dos centros bibliotecarios como axente cultural e servizo público básico e fomentaranse as actividades entre bibliotecas, librarías, editoriais e autores. Outra das liñas previstas para este ano é o apoio ás actividades artísticas e literarias que fomenten a convivencia entre diferentes colectivos e culturas con presenza en Galicia.

Un dos aspectos nos que a Consellería e os demais axentes presentes no Consello Asesor do Libro van traballar este ano é en contar con datos estatísticos máis completos sobre a edición do libro e os hábitos de lectura en Galicia. Para ese fin afondarase na recollida de datos sobre o comercio interior do libro en Galicia, e elaborarase un barómetro galego de hábitos de lectura. Ademais publicarase un anuario do libro, que recollerá anualmente as principais magnitudes e acontecementos da edición en Galicia.

No Consello presentouse o primeiro borrador do anteproxecto da Lei de Bibliotecas e do Patrimonio Bibliográfico de Galicia, que se tramitará ao longo deste ano.

O Consello Asesor do Libro é un organismo adicado ao estudo e ao asesoramento da Administración nas materias do libro e a lectura. Esta formado por quince representantes da administración e das asociacións dos sectores profesionais relacionados co libro: escritores, tradutores, ilustradores, editores, artes gráficas, distribuidores, libreiros, bibliotecarios e investigadores. Creado en 2007 tras a aprobación da Lei do Libro e a Lectura de Galicia, a de onte foi a súa segunda reunión.


Imprimir

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |